Falece Bibiano, o verso máis libre dos Voces Ceibes

Falece Bibiano, o verso máis libre dos Voces Ceibes
Bibiano
Bibiano  

Morreu aos 66 anos. Deixa unha longa traxectoria como promotor musical e unha pegada imborrábel como cantautor na última etapa do franquismo e na transición con discos como 'Estamos chegando ao mar' e temas como aquel ‘Can de palleiro’ que burlou a censura franquista.


Bibiano Adonis Morón, coñecido simplemente como Bibiano, vén de falecer aos 66 anos de idade. Naceu en Compostela a finais de 1950 e na adolescencia fundou varios grupos de rock (Los Tanos, O Noso Tempo). Mais a súa pegada na música viría como cantautor. Nunha xuntanza na casa de Alfredo Conde dá o paso e intégrase en ‘Voces Ceibes’, facendo do compromiso co idioma e Galiza eixos da loita musical contra o franquismo. Porén, Bibiano sempre tivo un gosto polo rock que se reflectía na súa aposta musical e que lle diferenciaba do resto de integrantes de Voces Ceibes e do mundo dos cantautores daqueles comezos dos 70. Por exemplo, foi o primeiro en introducir na escena de cantautores galega a percusión e instrumentos eléctricos. No 1979 fixo unha versión eléctrica do 'Negra Sombra' de Rosalía que naquel momento foi incomprendido por público e compañeiros. 

Ligado ao Partido Comunista, en 1972 publicábase o seu primeiro traballo, ‘A campá do pobo’, que edita na calndestinidade CCOO. No 1976 sae un dos seus traballos máis coñecidos e valorados, ‘Estamos Chegando o Mar’. Temas como ‘Garda a navalla’, ‘Agora entramos nós’ ou ‘Amador e Daniel’ (letra de Uxío Novoneyra) foron pequenos himnos de resistencia e esperanza. O disco ao vivo con Benedicto na Coruña en 1976 (‘Pola Unión’) é un dos imprescindíbeis daqueles anos. Un concerto en homenaxe a Santiago Álvarez, veretano dirixente comunista galego preso en Carabanchel.

Mais quizás o seu tema máis coñecido sexa ‘Can de Palleiro’, toda unha burla que foi quen de pasar a censura franquista, coa que Bibiano tivo máis dun problema. O retrouso ‘Abaixo a dentadura’ transformábase nos concertos nun ‘Abaixo a ditadura’. Nunha entrevista de hai uns anos contaba como un cesor daquela época o parabenizou por meterlles un gol tan ben metido.

Mais Bibiano non foi só músico e cantante. Certo é que en 1989 aínda está en ‘Deitado frente ao mar’, disco homenaxe a Celso Emilio Ferreiro. Mais desenvolveu unha intensa traxectoria de promotor musical. Realizou concertos de artistas como Toquinho, Leonard Cohen, Madonna, James Brown, Iggy Pop, Elvis Costello, Lou Reed, Silvio Rodríguez, Pablo Milanés, Wilco, Metallica ou Motorhead, entre moitos outros. Ademais, foi quen abreu o Kremlin, un local imprescindíbel do Vigo dos anos 80.



x