Falece o escritor Isidro Novo aos 66 anos de idade

Falece o escritor Isidro Novo aos 66 anos de idade
Isidro Novo
Isidro Novo  

O escritor Isidro Xoán Froilán López Novo ( Lugo, 1951), coñecido como Isidro Novo, faleceu esta quinta feira aos 66 anos de idade. Novo, que coordenaba a sección ‘Palabras con Memoria’ no Sermos Galiza, comezou como autor de literatura infantil e xuvenil coa publicación de ‘Teaza de brétema’, finalista no certame O barco de vapor de 1992.

En 1997 apareceu Por unha presa de machacantes, un western cómico, ao que seguiron varios libros de relatos. Iniciouse na poesía co libro Dende unha nada núa. Participou en libros colectivos, foi radiofonista facendo en Radio Clavi un programa cultural titulado Gomorritas e novas criaturas, e como xornalista fixo reportaxes para varias revistas. O seu último libro publicado foi O tabú na traslenda (2017). Varios dos seus relatos foron premiados no certame Modesto R. Figueiredo e no Manuel Murguía.

Novo foi membro do consello directivo da Asociación de escritores en lingua galega (AELG) ao longo dos últimos 10 anos, así como membro da sección de Literatura Oral desta entidade. 

O corpo do escritor está no Tanatorio Velatorios Lucenses As Arieiras (Camiño do Seixo s/n. Lugo). Esta sexta feira, 2 de febreiro, ás 19:00 horas será incinerado. 



x