Falece a pintora Berta Álvarez Cáccamo, unha das principais referencias da abstracción galega

Falece a pintora Berta Álvarez Cáccamo, unha das principais referencias da abstracción galega
Fotogafía: ©xurxolobato
Fotogafía: ©xurxolobato  Foto: Xurxo Lobato

Tiña 54 anos de idade. En 2017 recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas.


Era una das grandes mestras da abstracción pictórica galega e vén de deixarnos aos 54 anos, “de maneira inesperada” na súa casa de Coruxo. Berta Álvarez Cáccamo iniciou o seu camiñar na arte nos anos 80 da man do Grupo Atlántica, a partir do cal foi ampliando perspectivas, sendo una das representantes da pintura abstracta e conceptual no noso país. En 2017 recibiu o Premio Cultura Galega das Artes Plásticas.

"Amiga inseparable de aventuras, muller de grande cultura, amena compañeira de faladoiros e entusiasta axitadora do panorama artístico galego", defínena en Chan de Pólvora, a editorial na que publicou canda o seu irmán Pepe Cáccamo a obra 'Tinta de luz', o primeiro libro da colección Udra, especialmente dedicada aos lectores máis novos. Ela poñía as ilustracións e o seu irmán os poemas.

Exixente e reflexiva, a súa pintura é produto dunha ollada inquieta, emocional e afectiva

Berta Cáccamo fixo en 2017 a súa última exposición, exhibida na galería Trinta de Compostela, coa que traballaba desde había anos de maneira habitual. O que máis lle gustaba era traballar con grandes masas de cor e descubrir nelas a sua linguaxe secreta. "A súa pintura abstracta, de forte compoñente conceptual, foi unha invitación á exploración de formas non regradas e universos paralelos de rebelión", inciden desde Chan de Pólvora.

Recoñecemento

A súa obra forma parte das máis importantes coleccións de arte que hai no Estado español. “Berta Cáccamo”, en palabras de David Barro, curador da retrospectiva que no 2016 lle dedicou o Centro Galego de Cultura Contemporánea (CGAC), “é capaz de destilar influencias afastadas no tempo, sempre disposta ao debate coa súa obra, cos problemas da arte e coas súa imaxes. Exixente e reflexiva, a súa pintura é produto dunha ollada inquieta, emocional e afectiva. De aí que o título da exposición fale de expansión porque a súa obra é ao tempo un proxecto vital, e de ensaio, porque se escribe en presente continuo e se inscriben na memoria da pintura como material fundamental”.

Foi unha das voces participantes no documentario sobre muller e arte que realizou a crítica Rosario Sarmiento e que o pasado mes de abril se estreou na Coruña. Unha peza na que tamén tomaron parte Fina Mantiñán, Rosalía Pazo, Elena Colmero, Soledad Penalta, Mónica Alonso, María Xosé Díaz, Almudena Fernández Fariña,Menchu Lamas e Tatiana Medal.



x