O DÍA EN QUE SAÍU O SEU DERRADEIRO LIBRO

Falece o poeta Fran Cortegoso

Falece o poeta Fran Cortegoso
[Imaxe: AELG] Fran Cortegoso
[Imaxe: AELG] Fran Cortegoso  

O poeta Francisco Cortegoso finou esta cuarta feira, 5 de outubro, o mesmo día en que chegou aos andeis das librarías o seu libro Suicidas (Chan da Pólvora).


Francisco Cortegoso finou esta cuarta feira, 5 de outubro, aos 31 anos de idade tras unha enfermidade. O escritor puido ver rematada a súa derradeira obra, Suicidas, editada por Chan da Pólvora. Precisamente, o mesmo día que falecía na súa casa de Bora (Pontevedra) o autor, o seu poemario chegaba ás librarías do país.

Segundo informa Chan da Pólvora, Antón Lopo, Manolo Martínez e Gonzalo Hermo traballaron arreo para que o poeta puidese ver publicada a súa obra. “Hoxe é un día de inmensa tristura para as persoas que formamos o equipo da Chan da Pólvora. Vaian as nosas condolencias e o noso amor para a súa familia, os seus amigos e toda a xente que o quere”, sinalou a editora nun comunicado.

Licenciado en Filoloxía galega, o autor deuse a coñecer como poeta en 2008, na Revista das Letras de Galicia Hoxe con Ningún Home. En 2013 obtivo o premio de poesía Pérez Pallaré co poemario Memorial & Danza.

[Esta información foi modificada ás 17.55h porque, por un erro, apuntamos que Suicidas era o seu primeiro poemario, cando xa Espiral Maior lle publicara o poemario gañador do Pérez Pallaré Memorial & Danza]



x