Falece Sabino Torres, o primeiro editor de poesía en galego no franquismo

Falece Sabino Torres, o primeiro editor de poesía en galego no franquismo
 Sabino Torres o pasado mes de outubro na Casa de Galicia en Madrid (Foto: Alvarellos Editora)
Sabino Torres o pasado mes de outubro na Casa de Galicia en Madrid (Foto: Alvarellos Editora)  

Hoxe finaba en Madrid o xornalista, escritor e editor Sabino Torres, creador da primeira colección de poesía en galego da posguerra. 


Sabino Torres Ferrer (Pontevedra, 24 de xuño de 1924-Madrid, 23 de maio de 2016) era membro correspondente da RAG desde 1952 e decano dos editores galegos. Foi o impulsor  á da colección Benito Soto, que fundara en 1949 con Manuel Cuña Novás e Emilio Álvarez Negreira, con Celso Emilio Ferreiro como director. Foi a primeira que publicou poesía en galego durante a ditadura franquista. 

Foi precisamente con Celso Emilio Ferreiro e con Emilio Canda con quen comezara a súa traxectoria xornalística en 1943, na revista Finisterre, á que se lle suma a súa participación como director, en Pontevedra, do semanario Ciudad. A Sabino Torres tamén se lle debe a posta en marcha do Semanario Litoral, en 1953.
A poesía, xénero ao que sempre estivo vencellado, volveu centrar outro dos seus proxectos literarios cando, en 1992, fundou a colección Hipocampo xa en Madrid, volvendo contar co seu amigo Álvarez Negreira. 
A súa obra literaria en galego, tanto en verso como en prosa, conta con media ducia de títulos, aos que se suman outros dous libros en español. En 2014 publicou as súas memorias, tituladas Crónicas dun tempo escondido (Galaxia).

Desde os últimos anos residía en Madrid, onde en 2014 recibiu a homenaxe do Grupo Bilbao de Poesía Galega, na Casa de Galicia. 

Colección Benito Soto

O presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, definiu esta colección como “un feito histórico na historia editorial de Galiza”. A idea empezara a tomar forma en 1948 e o selo con nome de pirata arrincou con Madrigal, de Emilio Álvarez de Negreira, e Como el río, do propio Torres, en 1949. Na colección, bilingüe, pero cunha maioría de títulos en galego, tamén verían a luz Poemas de ti e de min, de Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez (1949), ou Muiñeiro de brétemas (1950), a obra coa que Manuel María se converteu no primeiro poeta novo en publicar en lingua galega.

Benito Soto acubillou autores novos xunto a outras sinaturas xa coñecidas das letras galegas como Álvaro Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro. Esta aventura editorial de Sabino Torres e os seus colegas foi posible en boa medida grazas ao apoio da imprenta do pai do propio Torres e contou con Celso Emilio Ferreiro como director literario a partir do terceiro título. A colección xa tropezara coa realidade da época cando un grupo de influíntes persoas da vida local, escandalizadas polo nome escollido, pedira a intervención das autoridades pontevedresas para frear o proxecto.

Malia estes atrancos e carecer de autorización, o selo conseguiu publicar máis dunha ducia de libros. Peor sorte correu con Musa alemá (1951), unha escolma de poemas xermanos traducidos e versionados por Celso Emilio Antonio coa colaboración de Antonio Blanco Freijeiro e derradeira achega da colección. O título foi perseguido e retirado das librarías.



x