Falece Celso Parada, figura fundamental do teatro galego

Falece Celso Parada, figura fundamental do teatro galego
Celso Parada
Celso Parada  

Actor, director, fundador do Teatro do Morcego e un dos imprescindíbeis da escena galega.


Faleceu Celso Parada, actor, director, fundador do Teatro do Morcego e figura fundamental do teatro galego das últimas décadas, informa Revista galega de Teatro. A morte produciuse, aponta, "despois dunha longa loita contra a enfermidade".

Parada, lembra a Revista,a é unha das figuras máis salientables da xeración que deu inicio ao teatro galego profesional. A súa longa carreira inclúe ducias de espectáculos, especialmente coas compañías Vía Láctea (Ubu rei, Rapsodia Pimenteliana, Misterio cómico, Macbett…), Teatro do Morcego, da que foi fundador (O Lazariño de Tormes, Morte accidental dun anarquista, Os vellos non deben de namorarse, A gran ilusión, Momo, A farsa do bululú, O burgués fidalgo…) e co Centro Dramático Galego (A comedia do gurgullo, O colaborador, A cacatúa verde, O regreso ao deserto…).

Foi recoñecido por numerosos premios como o Premio Compostela ao mellor actor protagonista por Misterio Cómico, dirixido por Júlio Cardoso, en 1992; o Premio María Casares ao mellor texto adaptado polo Lazariño de Tormes, en 1998; o Xograr de Outono do Festival Outono de Teatro de Carballo en 2005; ou o Premio Roberto Vidal Bolaño ao Mérito Teatral en 2006.

O pasado marzo, Celso Parada foi nomeado Académico de Honra pola Academia Galega de Teatro.

Fondo pesar

A nova do pasamento de Parada provocou nas redes sociais numerosas reaccións de pesar e dor. Persoas do mundo da cultura, da comunicación e mesmo da política expresaron o seu pesar e o recoñecemento á traxectoria dunha persoa imprescincíbel. Xosé A. Touriñan, César Goldi,María Reimóndez, Manuel Bragado, Kiko Novoa, Neves Rodríguez, Festival de Cans, Área de Cultura da Deputación da Coruña, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, entre outros.