CRÍTICA DE CINEMA

Feedback, por Andrés Castro

Feedback, por Andrés Castro

Jarvis Dolan é o locutor estrela do polémico programa de radio “A crúa realidade”. O mesmo día que un antigo colaborador volve para presentar a dúo o programa, un par de enmascarados toman o control da emisora para desvelar un escuro segredo.


Tras labrarse un nome no mundo da publicidade, e un par de curtametraxes ás costas, o coruñés Pedro Corredoira Alonso (aka Pedro C. Alonso) realiza a súa primeira longametraxe cun filme de xénero rodado integramente en inglés, reparto internacional e produción galega (Vaca Films) e catalá (Ombra Films). Unha ópera prima moi ben arroupada a través do apadriñamento do barcelonés, afincado en Hollywood, Jaume Collet-Serra, especialista en cinema de terror e suspense con achegas tan interesantes como A orfa ou Inferno azul. Bos vimbios.

Feedback é directa, visceral, non se anda con moitos miramentos. Comeza cunha breve introdución de personaxes para logo ir de cheo ao asunto. Dous homes enmascarados secuestran unha emisora de radio para facer que Jarvis Dolan, un famoso locutor de radio, saque á luz, en directo, un escándalo acontecido fai 10 anos no Hotel Europa. Uns feitos que poderían significar o fin da súa carreira. Violencia explícita, suspense, atmosfera asfixiante, xiros inesperados... Tras a tensión inicial comeza roldar unha cuestión... Que pasou realmente no Hotel Europa? Quen di a verdade? Quen leva realmente a máscara?

Toda a trama acontece dentro emisora de radio. Un único espazo que acentúa a claustrofobia dunha situación límite levada ao extremo e todo un reto para un equipo actoral que non se pode apoiar en flash-backs e ten que transmitir co careto toda a angustia e contención dos diferentes puntos de vista sobre o acontecido no Hotel Europa. Interpretacións moi físicas dun elenco composto por secundarios de luxo e xente da televisión que pasan, aquí, a teren un papel protagonista. Eddie Marsan (o inspector Lestrade do Sherlock Holmes de Guy Ritchie), Richard Brake (Mandy), Paul Anderson (O renacido) ou Ivana Baquero (O labirinto do fauno) son as faces máis coñecidas.

O referente principal de Pedro C. Alonso é bastante claro: Stanley Kubrick. Non son casualidade as chiscadelas co gallo da “apertura de portas”, nin que o estudo de radio –ideado nos estudos Tex 45 de Ordes (A Coruña)– semellen unha mestura entre o Hotel Overlook e a nave espacial Discovery de 2001: Odisea do espazo, nin tampouco que a dirección de fotografía, de Ángel Iguácel (Sete mesas de billar francés), sexa recorrente en travellings “tan característicos” dos filmes de Kubrick.

Guión a catro mans do propio Alonso xunto co gran Alberto Marini (Mentres dormes, O descoñecido). Consegue que pasemos por alto as lagoas argumentais (que as ten) grazas a hora e media de hiperviolencia e tensión apuntalada pola xenial banda sonora de Sergio Moure de Oteyza. Feedback é quen de remexer os miolos e cortar a respiración a partes iguais. Sangre, suor e brutal agresividade mestúranse cunha reflexión sobre a condición humana e as “máscaras” que nos poñemos para ocultar “a crúa realidade”.

Un dignísimo filme de xénero, onde ninguén é quen di ser, no que Pedro C. Alonso camiña todo o tempo por terreo espiñoso xusto por riba desa fina liña que separa a xustificación do inxustificábel da xustificación da vinganza, facendo, ademais, que o propio espectador cuestione todo ata o abafante clímax final. Un debut prometedor.

Feedback:

(Galiza-Catalunya 2019, 97 min.)

Dirección: Pedro C. Alonso

Guión: Pedro C. Alonso e Alberto Marini

Fotografía: Ángel Iguacel

Música: Sergio Moure de Oteyza

Elenco: Eddie Marsan, Paul Anderson, Ivana Baquero, Richard Brake, Oliver Coopersmith, Alana Boden, Alexis Rodney, Nacho Aldeguer