Fefa Noia abandona a dirección do Centro Dramático Galego despois de tres anos

Fefa Noia abandona a dirección do Centro Dramático Galego despois de tres anos
A dramaturga Fefa Noia. Foto: Agadic.
A dramaturga Fefa Noia. Foto: Agadic.  

A dramaturga Fefa Noia abandona a dirección do Centro Dramático Galego. Comunicoullo esta mañá ao Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), organismo do que depende a compañía pública de teatro.


Noia incorporouse á dirección da institución en xaneiro de 2016, despois de se impoñer na convocatoria pública de selección. Segundo informa a Agadic nun comunicado feito público na tarde desta terza feira, baixo o mandato de Fefa Noia o Centro dramático estreou catro producións propias: o Tartufo de Molière, Martes de Carnaval de Valle-Inclán, Divinas Palabras Revolution, tamén de Valle-Inclán, e Neorretranca e posmorriña, de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte.

O organismo público tamén salienta a atención da directora saínte á dramaturxia galega actual e a reactivación das residencias técnicas e artísticas no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

O Consello Reitor de Agadic anunciou ademais a “inmediata posta en marcha dun procedemento público de selección” para a substitución de Noia, que causa baixa en outubro “para emprender novos cometidos profesionais”.