Fefa Noia, nova directora do CDG

Fefa Noia, nova directora do CDG
Fefa Noia
Fefa Noia  

Fefa Noia será a nova directora do CDG e ocupará a vacante que deixou Manuel Guede en xuño logo de demitir por razóns persoais.


Fefa Noia resultou a gañadora do concurso público que AGADIC convocou para cubrir a praza de coordinadora do departamento de Produción Teatral da Agadic, tal e como se publicou hoxe no DOG. A candidatura de Noia foi a que obtivo maior puntuación na suma das tres fases do proceso, que incluíron unha valoración dos méritos achegados, dun proxecto artístico e dunha entrevista persoal.

Entre as tarefas asignadas a este posto de persoal directivo están as de exercer a dirección artística do Centro Dramático Galego (CDG); dirixir, coordinar e planificar a actividade do Salón Teatro; decidir o plan de programación anual e seleccionar e contratar as compañías artísticas e/ou produtoras encargadas de cada espectáculo, así como dos artistas que se requiran para cada proxecto.
 
Autora, dramaturga e directora

Fefa Noia naceu en Santiago de Compostela. É licenciada en Filoloxía Alemana (Universidade de Santiago de Compostela) e en Ciencia Teatral (Ludwig-Maximilian-Universität Munich LMU). Ampliou a súa formación no Teatro de La Abadía, en Madrid, no que formou parte do equipo de dirección artística durante máis de dez anos. Foi bolseira da Fundación Barrié, da Real Academia de España en Roma e da Comisión Fulbright (MA en Drama pola San Francisco State University de California).
 
Na actualidade, traballa como autora, dramaturga e directora. Como directora colaborou co Centro Dramático Galego, co Centro Dramático Nacional, coa Compañía Nacional de Teatro Clásico e co Teatro de La Abadía, onde exerceu como axudante de José Luis Gómez, Àlex Rigola, Georges Lavaudant, Dan Jemmett, Carles Alfaro ou Andrés Lima, entre outros.
 
Algunhas das súas postas en escena son ‘Andorra’ e ‘O coloquio dos cans’ (Corral de Alcalá/Abadía); ‘O amor namorado’ (La Caimana) ou ‘S.P.Q.R. Si vis pacem para bellum’ (RAER). Para o Centro Dramático Galego dirixiu en 2013 ‘Días sen Gloria’, de Roberto Vidal Bolaño, espectáculo central do ano da celebración do Día das Letras Galegas dedicado ao autor compostelán.
 
Coa súa propia compañía, Los lunes, dirixiu ’Wild Wild Wilde’, de José Ramón Fernández; ‘Cordas’, de Bárbara Colio; ‘Axuda’, de Maria Goos, (pola que recibiu o primeiro premio do Certame de Directoras de Torrejón de Ardoz 2015); e ‘País’, un texto escrito e dirixido por ela no que reflicte a realidade dos españois que se ven obrigados a abandonar hoxe o seu país en busca de oportunidades laborais, e que foi estreado o presente ano nas Naves do Teatro Español.