A feira de arte Cuarto Público volve a Compostela do 11 ao 13 de marzo

A feira de arte Cuarto Público volve a Compostela do 11 ao 13 de marzo
Presentación da feira en Compostela
Presentación da feira en Compostela  

O vindeiro mes terá lugar na capital galega a Feira Internacional de Arte Contemporánea Cuarto Público, que se desenvolverá no hotel NH Collection de Compostela.


Esta iniciativa, promovida por Territorio Cultura, converte durante eses días  o quinto andar do edificio hoteleiro nunha feira de arte na que participan galerías, artistas coa colaboración das tres administracións: Xunta, Concello e Deputación da Coruña. 

A feira ocupará o quinto andar do hotel, convertendo vinte dos seus cuartos en espazos expositivos de obra contemporánea. A Deputación da Coruña, que por primeira vez participa neste evento, contará cun “cuarto propio” que amosará, entre outras iniciativas, catro das series gañadoras do premio Ksado de fotografía. “Optamos, entre todas as posibilidades, por focar a nosa mostra sobre esa capacidade que ten da arte de denunciar, de se comprometer, de recoller a realidade e transmitila”, explicou a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartin Rei referíndose ás obras de Xosé Abad, Fernando Fernández Paez, Diego Vergés e Bandia Ribeira que centrarán o espazo expositivo.

“Somos conscientes da calidade das propostas artísticas galegas mais sabemos tamén que a distribución é unha das eivas para a creación plástica, cun mercado afectado de maneira especial pola crise económica. Por iso queremos apoiar un formato anovador como o de Cuarto Público que provoca curiosidade e o achegamento a autores e autoras e ao traballo das galerías, como lugar de encontro dos distintos axentes que se moven arredor das artes plásticas”, engadiu Goretti Sanmartín.