11ª CULTURGAL

A feira das mil industrias culturais

A feira das mil industrias culturais
[Imaxe: Culturgal] Público infantil nunha edición anterior do Culturgal
[Imaxe: Culturgal] Público infantil nunha edición anterior do Culturgal  

Cinco escenarios, 80 empresas e asociacións e 140 actividades son a síntese da Feira das Industrias Culturais Culturgal. Do 30 de novembro ao 2 de decembro, o Pazo da Cultura de Pontevedra convértese no epicentro da produción cultural galega e o seu mercado. 


Tres días de ateigadísima axenda son xa tradición na Feira das Industrias Culturais que o sector, e máis alá, coñece como Culturgal. Na fin de semana que vai do 30 de novembro ao 2 de decembro, Pontevedra -en concreto, o seu Pazo da Cultura- acolle o encontro de profesionais, consumidores, usuarias ou produtoras que é xa un clásico da fin de ano cultural. Esta será a súa décimo primeira edición. 

Oitenta entidades que farán uso de máis de 130 postos, cinco escenarios con programación simultánea e arredor de 140 actividades constitúen o resumo numérico da cita. O seu público potencial anda nas 14.000, 15.000 persoas visitantes. “Porén, non nos gusta presumir de cifras. Non queremos estar presos delas e dun suposto crecemento continúo. Cremos que nestes números está o límite da feira”, explica a Sermos Galiza Xosé Aldea, director da mostra. O seu presidente en funcións é Víctor López -cabeza visíbel de Eganet-, despois de que, a inicios de mes, Xulio Amigo abandonase o posto por motivos persoais. 

A prudencia preside as declaracións de Aldea, que leva seis anos na dirección. O encontro nacera en 2007 da man de varias agrupacións gremiais: a Asociación Galega de Editoras, Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas Musicais, Eganet (Empresas Galegas dedicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes. Agás en 2008, que foi na Coruña, sempre transcorreu en Pontevedra.

Sector profesional

“É un proxecto do sector profesional. Xurdiu con esa vocación”, sinala Aldea, “pero hai seis anos, o equipo que tomamos o relevo entendemos que o futuro da feira non se encontraba unicamente nos gremios. Era necesario implicar o público, patrocinadores e entidades participantes”. Ao tempo, o Culturgal pasou dun orzamento público ao 100% a “decidir que cumpría corresponsabilizar a xente”. A crise do neoliberalismo afectou de maneira brutal á cultura, ás políticas culturais e aos orzamentos dedicados ás mesmas. Unha das vías que a organización atopou para “corresponsabilizar” a audiencia foi cobrar entrada. Un bono para os tres días custa 5 euros e o tique para cada unha das xornadas por separado ten un prezo de 3 euros. 
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 324 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x