RICARDO RODICIO, CONCELLEIRO DE CULTURA DE POBRA DO BROLLÓN

“A Feira do Viño é unha boa oportunidade para coñecer o conxunto etnográfico das adegas de Vilachá”

“A Feira do Viño é unha boa oportunidade para coñecer o conxunto etnográfico das adegas de Vilachá”
Imaxe do conxunto etnográfico [Panoramio - Leiras]
Imaxe do conxunto etnográfico [Panoramio - Leiras]  

O sábado e o domingo celébrase en Vilachá de Salvadur a 25ª Feira do Viño de Vilachá de Salvadur (Pobra do Brollón), que ten lugar nun conxunto etnográfico composto por varias adegas centenarias. 


- Esta fin de semana celébrase a Feira do Viño de Vilacha. Que se pode facer alí?
- É a 25ª edición da Feira e comeza mañá sábado ás 6 da tarde, aínda que seguramente xa hai xente que vai a mediodía a comer o polbo. E a festa celébrase nun entorno singular, no conxunto etnográfico das adegas de Vilachá de Salvadur, que son adegas centenarias. E o que ten diferente doutras feiras do viño, que se degusta en stands, é que aquí a degustación faise nestas adegas. Isto comeza ás 6 da tarde, con cinco grupos de cantos de taberna, que van estar animando polas adegas. Este ano contamos con doce adegas abertas. E ás 9 hai unha chourizada que se fai todos os anos e logo hai unha actuación dun grupo folc que se chama Milesios. 

- E o domingo?
- Ás 12 van dar unha alborada polas adegas o grupo de gaitas da Escola de Música Municipal e logo, a continuación, outros cinco grupos de cantos de taberna tamén van animar polas distintas adegas. Á unha vai ser o pregón a cargo do presidente do Consello Regulador Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez, e a partir das 3.30 hai unha charanga. 

- Na Cata pode participar calquera ou só especialistas?
- Pode participar calquera, non hai unha cata oficial, podes ir probar viños rexistrados na Denominación de Orixe e tamén de adegueiros. 

- Cantas adegas participan?
- Doce.

- Son todas do Concello?
- Hai colleiteiros de aquí e dos arredores.

- Hai outras feiras de viño na Ribeira Sacra. Poderiamos dicir que esta é máis tradicional?
- Esta é diferente, isto faise neste conxunto etnográfico, que ten moito valor, e recuperáronse moitas adegas, adecentáronse todas as rúas da zona. A cata non é en stands. 

- Esas adegas continúan en uso?
- Algunhas si, están facendo viño nelas, e outras ábrense só para a Feira. 

- Son visitables?
- Durante o ano é complicado. Como son privadas habería que concertar unha cita. As que están acollidas na D.O. e podes concertar visitas, con pinchos, etc. Pero son adegas moi pequeniñas de colleiteiro, non son adegas de tipo industrial. 

- Son únicas en Galiza?
- Si, o conxunto etnográfico é único. Eu non coñezo outro. E a verdade é que esta feira é unha oportunidade de coñecelo e unha parte da Ribeira Sacra, como é a Ribeira de Vilachá que moita xente non coñece, que asocia só Amandi ou outro tipo de ribeira.