Feito na Galiza, feito coas propias mans

Feito na Galiza, feito coas propias mans
[Imaxe: SG] Artesanía
[Imaxe: SG] Artesanía  
Coa chegada do verán obsérvase a proliferación de feiras de artesanía, de maior ou menor escala. Coñecemos de primeira man a relevancia que estes eventos seguen supoñendo para as artesás, así como a aparición de novos modelos de venda directa que reinventan a relación coa clientela e a percepción do produto.

“Para nós, as feiras sempre foron o noso medio de vida. Foi o primeiro oficio que aprendín, a ser feiranta, non artesá”, lembra a revolucionaria zoqueira Elena Ferro, que xa de cativa acompañaba o seu pai e súa tía Agripina a estes eventos. A venda en feiras chegou a supor o cento por cento da facturación do seu negocio.

“Nós só vendiamos na feira até hai pouco. E agora representa o 50%, máis ou menos”, estima. No caso de Edita Oca, artesá peleteira de Jatafarta, a porcentaxe chega até un 70% dos ingresos totais. Con todo, explica a Sermos Galiza que cada ano intenta “participar en menos feiras e asistir a aquelas que concentran máis público ou público de mellor calidade, xa que expoñer conleva gastos importantes”. De aí que a escolla sexa fundamental.

Novos paradigmas

Se ben a relación entre feira e artesanía vén de lonxe, o traballo de todas elas non se orienta cara a esta forma de venda directa. A ourive Susi Gesto sinala que polo seu modo de traballo, no que cada peza é única, non ten senso andar a facer feiras, pois ademais dos custos que lle supón, implica o feche do obradoiro aberto ao público que ten en Compostela. Porén, si que é fiel a un encontro, Corazón de Artesanía. Esta mostra que ten lugar nos Pendellos (Agolada) “é a feira que máis dignifica o traballo artesán tal como eu o entendo”. Para Gesto, “recolle tradición e innovación, non desliga unha cousa da outra”.

Corazón de Artesanía, cita que as tres artesás coinciden en destacar, cumpre un importante labor de visibilización dos oficios mediante talleres e exhibicións. “Non é só ir visitar postos cos produtos. É unha feira participativa”, conclúe Ferro. Por iso, “as feiras de artesanía deberían estar orientadas cara a iso.

A xente valora moito máis un produto se o ve facer”. Oca fala dunha mudanza de formatos coa aparición de alternativas ás feiras tradicionais de artesanía que decorren noutro tipo de eventos mixtos combinados con actividades gastronómicas e/ou concertos que saen da rúa para se instalaren noutros espazos (museos, lugares de interese histórico, etc) e que “constrúen un escenario máis interesante ou, cando menos, máis innovador que axuda a que a artesanía deixe de entenderse como un souvenir e pase a formar parte do consumo sustentábel, local e responsábel do gran público”. Corazón de Artesanía sería o paradigma perfecto deste modelo.

De maneira análoga, Oca admite que o traballo no seu sector resulta moi solitario e que as feiras favorecen un contacto co público que “sanea a nosa maneira de traballar, axúdanos a ver o noso traballo desde fóra, a comprobar que o que facemos se entende e ten un público”. As sinerxias que xorden entre artesáns e clientes son tamén fundamentais para Ferro. Moitas das innovacións que aplica aos seus produtos proveñen da escoita de necesidades e suxestións, como aconteceu cos zocos veganos.

Malia que hai feiras todo o ano, o bo tempo e o turismo favorecen a súa convocatoria en época estival, converténdoa, xunto co Nadal, nas datas máis sinaladas. Xa entrado agosto, aínda quedan eventos para achegármonos ao mundo da artesanía. Ademais destas feiras, existen moitas outras que se desenvolven ligadas a romarías ou á súa derivación contemporánea do festival.

Corazón de artesanía, a feira sustentábel

Arredor de 9000 persoas visitaron entre o 5 e o 7 de xullo Corazón de Artesanía, organizada pola Consellaría de Economía como espazo de consolidación e expansión do sector artesanal galego. Con este fin, a oitava edición contou coa participación de 66 artesás de 27 oficios, aos que se unen os 47 expositores de alimentación de Artesanía no Prato, iniciativa que busca as sinerxias entre artesanado e cociña de vangarda. Á venda súmanse as demostracións en vivo dos diferentes saberes, así como diversos obradoiros orientados tanto para crianzas como para adultas.

O encontro tamén dá importancia á formación das propias creadoras con cursos especializados, entre os que este ano destacou o impartido por Aroa Veiga (Gondomar), dedicado á confección de complementos zero waste, unha técnica que persegue o aproveitamento do 100% da tea empregada. Sustentábel é a palabra que define este camiñar do funámbulo da artesanía, que busca o equilibrio entre o saber do pasado e as innovacións e necesidades do presente.