INAUGURACIÓN DE 'CASTELAO MAXISTRAL'

Feixoo recúa e fala da “barbarie” e do asasinato de Bóveda

Feixoo recúa e fala da “barbarie” e do asasinato de Bóveda
De esquerda a dereita, Alberto Núñez Feixóo; a filla de Bóveda, Amalia Bóveda; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella; o neto de Bóveda, Valentín Bóveda, e a conselleira de Educación Carmen Pomar. Foto: Cidade da Cultura.
De esquerda a dereita, Alberto Núñez Feixóo; a filla de Bóveda, Amalia Bóveda; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o presidente da Fundación Castelao, Carlos Mella; o neto de Bóveda, Valentín Bóveda, e a conselleira de Educación Carmen Pomar. Foto: Cidade da Cultura.  

A enxurrada de indignación e críticas que recibiu o presidente da Xunta por se referir a pasada cuarta feira á Derradeira leición do mestre sen mencionar nin a represión fascista nin o asasinato de Alexandre Bóveda tiveron, polo menos, un efecto. Feixoo recuou e, na inauguración da mostra Castelao Maxistral, falou de “barbarie” e de “asasinatos atroces” como o de Bóveda.
 


A polémica intervención no acto de desembalaxe provocara a airada resposta dos líderes de En Marea e BNG, alí presentes, que solicitaron axiña a palabra para esixir que non se “descafeinase” o significado do embelmático cadro de Castelao. A neta de Bóveda e deputada de En Marea Ánxeles Cuña mesmo se negou a aparecer na foto oficial da xornada.

O discurso de Feixoo converteuse, nos dous últimos días, en obxecto de toda caste de impugnacións. Tanto que se viu obrigado a rectificar. Con matices, iso si: “Ademais de gozar do que se ten chamado o Gernika galego, os máis vellos sentir`´an os ecos daquela barbarie, e os máis novos preguntaranse asombrados se realmente foi aquí en Galiza onde sucedeu o que relata este cadro conmovedor”. E engadiu: “O odio, o rancor e o instinto criminal apoderáronse da realidade baixo diferentes bandeiras”.

Desta volta, á apertura da exposición en que, a partir deste 5 de outubro, se pode ver A derradeira leición do mestre por primeira vez en Galiza só asistiu un dos portavoces da oposición, o socialista Xaquín Fernández Leiceaga. Amalia Bóveda, filla do líder galeguista asasinado o 17 de agosto de 1936 e no que Castelao se inspirou para o célebre óleo, o neto Valentín Bóveda -dirixente da fundación- e Carlos Mella -presidente da Fundación Castelao- si fixeron acto de presenza.

“Os verdugos de Alexandre Bóveda gardan parentesco cos de hoxe”, estendeuse Feixoo, “as ideoloxías totalitarias que movían as súas manas están presentes no mundo de hoxe baixo diferentes etiquetas”. O presidente continuou co martirio do secretario de Organización do Partido Galeguista e lembrou que “foi un dos grandes artífices do Estatuto de Autonomía. Aquela Constitución galega contou coa achega e o alento de galegos de diferentes tendencias que viron no autogoberno un punto de encontro”.

“O autonomismo, o federalismo de Castelao e Bóveda, non se concibe para unha parte do pobo galego, senón para a galeguidade no seu conxunto e na súa pluralidade”, concluíu.



x