MONTSE PENA

“O feminismo é o movemento que máis influíu na literatura neste século”

“O feminismo é o movemento que máis influíu na literatura neste século”

A profesora da USC e escritora Montse Pena inicia con ‘Letras miudas’ unha colaboración semanal co semanario Sermos Galiza, unha nova porta para falar de literatura, cultura e moito máis.


- Que é ‘Letras miúdas’?

- A sección non é nova mais a miña intención é que máis que un espazo para a crítica de libros infantís e xuvenís e a súa visualización sexa tamén un espazo para opinar sobre cultura, literatura e animación á lectura. Tamén me interesa que ademais das novidades, que imos ir vendo saír nestes meses, podemos recuperar obras literarias galegas e da literatura universal que considero que con básicas e que poden axudar a gañar lectores.

A literatura pode ser un motor de cambio social

- ‘A árbore xenerosa’ e ‘Fábulas de Esopo’, as túas primeiras escollas para a sección. Por que elas?

‘A árbore xenerosa’ é un libro que adoito ler aos meus estudantes, que son alumnos e alumnas de Infantil e Primaria, no primeiro día de aulas. É un libro moi breve e que en moi poucos páxinas fainos reflexionar e activar a nosa capacidade crítica. Un libro que racha os preconceitos sobre a literatura infantil como que son libros sen profundidade. Este é un libro cunha lectura para os nenos e nenas e outra para o público máis adulto ou que eles teñen que facer acompañados por nós.

`Fábulas de Esopo’ supón ir ás orixes da literatura infantil, aos contos populares, ás historias de animais. Parecíame simbólico comezar esta sección con Esopo.

- Son dúas obras traducidas ao galego. É a tradución un campo cada vez máis fértil na nosa literatura?

- De cómo está a traducción é mellor que falen os tradutores. De todos xeitos, é unha casualidade (ri) Axiña veremos a forza que ten a literatura infantil e xuvenil en galego, a calidade dos textos que temos.

Na LIX galega como na das outras linguas, continúa a haber prexuízos, esa idea de que son libros facilóns, de menor calidade

- Ten a LIX (Literatura infantil e xuvenil) en galego un peso máis importante e unha calidade maior que a que se fai noutras linguas da Península?

- Eu non estou moi de acordo, a LIX en xeral no ámbito peninsular e ámbitos veciños viviu unha experimentación moi importante nos últimos anos. Sobre todo polas súas capacidades para hibridar con outras artes, como a ilustración mais tamén a pintura, a fotografía ou tamén a música. No panorama galego o da música é unha característica propia, porque noutras literaturas fixéronse libros infantís de ópera ou música clásica pero aquí tirouse moito da música tradicional e das súas renovacións e relecturas. A LIX é un ámbito moi vizoso para experimentar con outras artes e iso foi  motor da literatura infantil nos últimos 15 anos.

Agora ben, na LIX galega como na das outras linguas, continúa a haber prexuízos, esa idea de que son libros facilóns, de menor calidade. Esa idea de que os libros xuvenís, por estar protagonizadas por pandas de rapaces e rapazas non teñen calidade literaria. Nalgúns casos pode que sexa así mais noutros son os libros que constrúen alguén nunha lectora ou nun lector.

- Acreditas que a literatura ten un papel á hora de conformar unha persoa, tamén unha sociedade?

Para min o máis importante da literatura e da lectura sempre será a compoñente ética. Quizás sexa utópico, eu sempre digo que a literatura pode ser un motor de cambio social e que ademais empeza por un mesmo. Os estudos sobre a lectura indican que o primeiro que fai a lectura é que nos coñezamos mellor a nós propios e a partir de aí podemos comprender mellor ao outro ou outra. En todo caso, eu sempre entendo a LIX e así o farei cos libros que recomende, como libros de calidade literaria. Libros que nos axuden a activar a conciencia crítica e que teñan esa calidade.

- Tes analizado polo miúdo o tema dos feminismos na LIX galega [‘Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia’, Edicións Laiovento, 2018]. Até que punto existe, de habela, esa pegada da visión feminista na literatura galega?

Haina. Pódese dicir que o feminismo é o movemento social que máis ten influído na literatura no último século e por varias cuestións: a recuperación de autoras, e relectura que se fixo de historia tradicional e como se puxo en solfa os papeis que se atribuía ás mulleres e nenas, nesa reivindicación de personaxes como bruxas e meigas… O feminismo é o movemento social que abre a porta a outros movementos, interacciona moi ben con eles: o multiculturalismo, as outras masculinidades, as identidades sexuais non normativas…



x