Fernán Vello acada o Premio de Poesía de Afundación

Fernán Vello acada o Premio de Poesía de Afundación
Miguel Anxo Fernán-Vello
Miguel Anxo Fernán-Vello  

O gañador da 13ª edición do Premio de Poesía Afundación é Miguel Anxo Fernán vello, colaborador deste xornal e candidato de En Marea por Lugo. 


O XIII Premio de Poesía Afundación recoñeceu coa unanimidade do xurado a   Miguel Anxo Fernán Vello polo seu traballo  Duración da penumbra, presentado baixo o lema «Sombra do aire». 

O xurado, integrado por Luís González Tosar, presidente do Centro Pen de Galicia, como presidente do xurado; Óscar Xabier Castro Martínez, secretario; Inma López Silva, escritora; Manuel Guede Oliva, dramaturgo e poeta e Luciano Rodríguez Gómez, crítico literario, destaca na obra galardonada «a aposta polo dominio das formas e pola intensidade dos rexistros. O resultado- subliñan na acta do premio- é unha unidade compacta que consegue, con grande habelencia e talento, extraer da realidade máis crúa o lirismo máis elevado. O poeta trascende o seu propio ser a través da autenticidade da palabra, mergullando na escuridade para albiscar o horizonte luminiscente, todo o esplendor deste libro». 

Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958) ten publicado 16 poemarios, ademais de cinco creacións para teatro, unha antoloxía de textos de Manuel María e catro libros de conversas con Carballo Calero e Xosé Manuel Beiras. Ao longo da súa vida literaria ten acadado múltiples galardóns no eido da poesía, como o Esquío ou o Premio da Crítica española en 1985 e 2004. 

Alén da súa actividade como autor, fundou a editorial Espiral Maior, selo de referencia no eido da poesía, en 1991.