Fernández Ferreiro, un renovador do xornalismo

Fernández Ferreiro, un renovador do xornalismo
Xuntanza do grupo Brais Pinto 25 anos despois [L.A. Pousa]
Xuntanza do grupo Brais Pinto 25 anos despois [L.A. Pousa]  

Xosé Fernández Ferreiro dedicou a maior parte da súa vida profesional ao xornalismo. Segundo Luís Álvarez Pousa, director de Tempos Novos, foi “o introdutor do xénero da reportaxe, sendo un dos primeiros en facer novas interpretativas, indo máis alá dos feitos”.


Xosé Fernández Ferreiro traballou como xornalista en La Noche, ABC, El Correo Gallego e, sobre todo, en La Voz de Galicia. Entrou neste xornal logo de estudar en Madrid e traballar no cine, “nunha época de expansión para La Voz, cando pasou de ser un xornal provinciano a extenderse por toda Galiza”, segundo nos conta Álvarez Pousa. 

“El é un dos poucos que entra no xornal coruñés preparado, con carreira universitaria, e comezou a experimentar co xénero da reportaxe. Foi un dos primeiros en exercer o xénero, non se limitaba a facer só informacións, senón que facía tamén reportaxes interpretativas”, rememora o xornalista, que mantiña co finado unha estreita relación. “Nese contexto destacan as súas reportaxes das loitas contra o encoro de Castrelo de Miño”. 

Logo abandonou a rúa e pasou a ocupar outros cargos dentro da redacción, polo que “deixou de ser un expoñente do xornalismo máis anovador, aínda que sen deixar de escribir artigos, nos que deixaba sempre entrever as súas teimas, como Galiza ía perdendo a súa fisonomía, a súa identidade...”. 

Desde entón centrouse máis na escrita literaria, aínda que no seu discurso de entrada na Academia Galega en 2013 a prosa denota que hai un xornalista detrás. Nel facía unha comparanza entre os oficios da literatura e do xornalismo e amosábase moi preocupado polo devir da súa profesión, no mundo e tamén en Galiza: “En pouco tempo pecharon en Galiza tres medios de comunicación escritos: o semanario A Nosa Terra e os diarios Galicia hoxe e Xornal de Galicia”. 

Premio Galicia de Xornalismo 

A súa actividade xornalística foi recoñecida co Premio Galicia de Xornalismo (1985) e coa Letra E da Asociación de Escritores en Lingua Galega (2003). E o seu último traballo como xornalista, xa retirado, foi a publicación das súas memorias en 2012, De Xente Nova a Brais Pinto. Memorias dun afiador rebelde. 

“Unha crónica, unha reportaxe”, segundo as súas propias palabras, nas que conta unha historia persoal da Galiza política e cultural da posguerra a través das súas vivencias, que parten desde que en 1950 fundou en Ourense o efémero grupo literario Xente Nova, e do grupo Brais Pinto, xunto con Xosé Luís Méndez Ferrín, Reimundo Patiño, Bautista Álvarez, Herminio Barreiro, Bernardino Graña e Ramón Lorenzo.