Fernández Paz recolle o Premio Trasalba nun país de “liberdade limitada” para galegofalantes

Fernández Paz recolle o Premio Trasalba nun país de “liberdade limitada” para galegofalantes
Agustin Fernández Paz (Prolingua)
Agustin Fernández Paz (Prolingua)  

Recibiu o Premio Trasalba e, máis unha vez, presentouse herdeiro dos soños da xeración Nós. O escritor Agustín Fernández Paz criticou no seu discurso a condición de "libertade limitada" que padecen @s galegofalanes e lamentou o doado que é desfacer o que tanto tempo "custou construír". 


As coincidencias quixeron que o escritor Agustín Fernández Paz recibise o premio Trasalba pola súa traxectoria tan só unha semana despois de ser o encargado da laudatio do seu bo amigo e tamén escritor Xabier P. Docampo no acto de entrega da letra E da AELG. Os dous teñen moito que compartir, xeración, traxectorias literarias de prestixio, unha dedicación especial á literatura infantil, traducidos de maneira singular a outras linguas, compromiso irreductíbel coa lingua, defensa do ensino público e militancia en distintos colectivos de renovación pedagóxica. Serían tan só algúns dos  trazos que fan tamén de Agustín Fernández Paz e Xabier P. Docampo dous dos escritores máis queridos e respectados da nosa literatura contemporánea. Tal vez por iso, Fernández Paz repetiu no seu discurso no que recolleu o Premio Trasalba a mesma frase que a pasada semana incluíra na laudatio do amigo: “Canto custa construír e que doado é desfacelo nuns poucos meses”. 

“Canto custa construír e que doado é desfacelo nuns poucos meses”, repetiu o escritor, idea que xa defendeu na laudatio a Docampo

Desa vontade de crear futuro sabe a súa xeración literaria, debedora, como tamén recoñeceu, da Xeración Nós, da que se senten descendentes. Á súa, déronlle en chamar Xeración Lamote, e a ela se referiu tamén Agustín, aqueles que atoparon o “centro do mundo” na súa propia mesa de traballo. 

Na casa de Ramón Otero Pedrayo, como tamén fixera Docampo, o escritor volveuse a presentar como “soñador” dun país que antes idearan os membros do grupo Nós, obreiros, coma eles dunha construción que, no seu caso, foi medrando na participación de proxectos colectivos como a Nova Escola Galega, Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega , Prolingua ou Avantar, iniciativas nas que participou para traballar man a man con quen defendía, coma el, o futuro da escola pública e, de maneira especial, da nosa lingua. 

Liberdade limitada

O discurso de Agustín Fernández Paz ao recoller o Premio Trasalba foi contundente á hora de criticar os pasos atrás no proceso de normalización lingüística. “Na Galiza de hoxe as persoas galegofalantes temos a nosa liberdade limitada”, dixo o escritor que defendeu o espazo de normalidade para a lingua e mostrou a súa confianza na rede e nas iniciativas sociais para pular contra a ofensiva que bate no galego. 

“Traballa sempre desde o compromiso coa nosa lingua”, dixo Francisco Castro na laudatio

Como un “dos mellores escritores do noso tempo” que “traballa sempre desde o compromiso coa nosa lingua” definiu o tamén escritor e presidente de Galix ao autor da recente A viaxe de Gagarin (Xerais), un título que se engade a súa ampla e valorada obra que o converteu nun dos escritores máis lidos e traducidos da nosa literatura. 

O acto de entrega do premio Trasalba tivo lugar este domingo día 29 de xuño na casa museo de Ramón Otero Pedrayo. A Fundación Otero Pedrayo decidira por unanimidade da súa xunta de goberno concederlle o recoñecemento a Fernández Paz nesta edición número 32 para o que valoraron “moi especialmente “ a súa significación na literatura dirixida aos lectores máis novos “ámbito no que o autor ten acadado recoñecida sona dentro e fóra das nosas fronteiras, así como o seu compromiso coa lingua e os movementos de renovación pedagóxica que empezaron a desenvolverse a partir dos anos 80, un eido que ata agora non fora considerado na nómina de Premios Trasalba, o que sen dúbida os enriquece”.

O Trasalba súmase a un amplísimo ronsel de premios nos que se atopan, entre outros moitos, o Merlín, o Lazarillo, o EDEBE, o Barco de Vapor, o Sarmiento, o Xerais, o Ánxel Casal, o Losada Diéguez, o Nacional de Literatura ou o da Crítica, algúns recibidos en varias ocasións. O acto, a Festa da Cultura da Fundación, rematou co “xantar de amizade” no souto de Trasalba.