CABEZA QUILES, AUTOR DE A TOPONIMIA CELTA DE GALICIA

"O negacionismo do celtismo vén do nacionalismo español”

"O negacionismo do celtismo vén do nacionalismo español”
Fernando Cabeza Quiles
Fernando Cabeza Quiles  

Con A toponimia celta de Galicia (Toxosoutos) Fernando Cabeza Quiles métese, como el di, nun “perigoso xardín”. Defende que a toponimia é a clave para demostrar que, para celta, Galiza.  


Ao seu ver, os topónimos son os que máis claro falan do pasado celta da Galiza mais en poucas ocasións a investigación parou a escoitalos. Agora toma man deles para rexeitar calquera tipo de negacionismo.  

Fernando Cabeza Quiles iniciouse no estudo da toponimia aos 25 anos, no seu tempo de servizo militar obrigatorio, cando os nomes dos lugares do país axudaban a evadirse do ambiente cuartelario. O pasado interesáballe e a toponimia apareceu como a máis acaída fuxida, máis accesíbel do que a arqueoloxía, reducida, ao seu ver, a círculos máis pechados. 

“Quería buscar campos inexplorados naqueles anos setenta e sentía moita curiosidade pola toponimia. Marabilloume. Quería publicar e entendía que ese era un campo posíbel. O primeiro libro saíu en 1992 en Xerais”, explica Fernando Cabeza Quiles, posuidor dun sonoro nome que, de seguido se relacionou cos estudos toponímicos. 

 “Estou agardando que me ataquen! O libro é divulgativo mais tamén interpretativo, pois digo cousas novas"

Moito andar e moito traballo de campo foi a base do traballo de Fernando Cabeza e, no camiño, unha manchea de topónimos deturpados aos que lle foi seguindo a pegada. “Daquela había moito campo e nada feito, tiña diante un campo inmenso para traballar. No bipartito normalizouse o tema, mais agora volven aparecer os topónimos castelanizados”, comenta. 

Tres libros publicados en 1992, 2000 e 2008 abriron o camiño ao monumental A toponimia celta de Galiza que vén de publicar Toxosoutos. “O negacionismo do celtismo vén do nacionalismo español. Co tempo funme dando conta da existencia de topónimos celtas, mais non sabía que había tantos”, comenta.

De Breogán a Maeloc 

“Autores clásicos como Ptolomeo ou Plinio falaban xa dos celtas no noroeste. A correspondencia de topónimos con outros doutras nacións celtas é o método para distinguilo. Aquí o poder de Roma fixo desaparecer o mundo celta e é nesa relación con outras nacións cando se comproba a súa existencia. Galiza tivo un dobre pasado celta, o de Breogán e o de Maeloc”, explica Fernando Cabeza Quiles que atopa topónimos ao longo de todo o territorio, de maneira especial na zona de Bergantiños. Como exemplo, sinala os rematados en -bre ou -ove, co significado de altura fortificada. Castrove, Ballobre, Barallobre ou Anzobre terían esa procedencia, cun -bre que en Gales se convertería en bryn, e en -brest na Bretaña ou en -bri en Irlanda. 

As conclusións da súa investigación van, ao seu ver, máis alá dos propios estudos lingüísticos. “Se hai topónimos é que se falou celta. Os arqueólogos, inspirados en Alonso del Real, negaron a existencia de rexistros celtas mais, cal é o marcador cultural máis importante? Os materiais inmóbeis ou a fala? Que exista a toponimia significa que aquí se falou celta”, explica, coa vontade de rexeitar o negacionismo que imperou sobre o pasado celta da Galiza. 

Vicetto excedeuse, Murguía non

"Os investigadores da historia prescindiron da toponimia e, ao meu ver, é clave no coñecemento do pasado”

“Houbo excesos, é certo. Vicetto excedeuse, mais Murguía non. Logo hai un celtismo mítico que foi inventado co fin de conquistar unha nación, mais Pondal, que podía ser acusado diso, parece que intuía o celtismo de Bergantiños”, apunta Fernando Cabeza que descobre a realidade dunha identidade buscada. “En Ortigueira hai moitos topónimos celtas, e a festa da Carballeira de Zas celébrase cerca de Céltigos e Brandomil, que corresponde ao topónimo celta Glandomiro. Sen darse conta, estas celebracións danse en lugares cun forte pasado celta”, anota para se referir a dous espazos nos que se reavivou o entusiasmo polo mundo celta. 

“Certamente hai máis toponimia latina que celta porque os romanos coidáronse moito de eliminala. Os celtas estaban moito máis pendentes da natureza, das ribeiras de ríos, das alturas fortificadas... que é onde aínda se manteñen os seus nomes, en asentamentos relacionados coa natureza”, anota, de topónimos como os que comezan por “Camb” que, segundo explica, significa curva de río ou “Dubra”. 

Co libro publicado, Fernando Cabeza Quiles agarda as críticas, a polémica que sempre rexorde arredor do pasado celta e que se prolonga ao longo da historia. “Estou agardando que me ataquen! O libro é divulgativo mais tamén interpretativo, pois digo cousas novas. O tema estaba enterrado e conto con que este traballo, nalgunha medida, contribúa a abrilo. Os investigadores da historia prescindiron da toponimia e, ao meu ver, é clave no coñecemento do pasado”, defende, convencido de que, como lle dicía Cristobal Ramírez, se está a meter nun “perigoso xardín”.