ATÉ O 18 DE MAIO

Ferrol dedica máis dun mes de homenaxe a Carvalho Calero

Ferrol dedica máis dun mes de homenaxe a Carvalho Calero
Ricardo Carvalho Calero
Ricardo Carvalho Calero  Foto: Moncho Rama

Ricardo Carvalho Calero é profeta na súa terra. As homenaxes, a 28 anos da súa morte, sucédense en Ferrol. Desde este serán ate o vindeiro 18 de maio, o concello da súa cidade natal ofrece unha serie de palestras, concerto e recital arredor da figura do intelectual e escritor.
 


O Ateneo Ferrolán acolle a quinta feira, 5 de abril, unha palestra sobre unha das principais dimensións de Carvalho Calero: a de profesor e lingüista. Corre a cargo de dous docentes, Xosé María Dobarro e Aurora Marco.

Carvalho Calero foi o autor dun ensaio aínda de referencia sobre as letras galegas, Historia da Literatura Galega Contemporánea (1963). Sobre esa faceta versará, o vindeiro 12 de abril ás oito do serán na Fundaçom Artábria, a conferencia de Enrique Dacosta: Carvalho, o estudoso da literatura. Á semana seguinte, 19 de abril e tamén ás oito do serán no Ateneo, o historiador Bernardo Máiz achegarase á Acción política de Carvalho.

Home progresista, de cultura e formación republicana, nacionalista, foi ademais autor dunha importante obra literaria, entre a que o seu romance Scórpio (1987) ocupa un lugar sobranceiro. As profesoras e escritoras Carmen Branco e Claudio Rodríguez Fer trataran desa dimensión o 26 de abril, ás oito do serán, no centro cultural Torrente Ballester.

No mesmo centro cultural e á mesma hora, pero o 10 de maio, Antón Rodríguez presentará o seu filme documental sobre o tamén pai do reintegracionismo lingüístico, Vieiros de Esperanza.

O ciclo de homenaxe rematará o 18 de maio no Teatro Jofre cunha “xornada lúdico festiva”. Nela intervirá a filla do intelectual, María Victoria Carvalho Calero Ramos, e haberá recitado de poemas -con Medos Romero, Eva Veiga, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé María Álvarez Cáccamo, Vicente Araguas, Marcos Abalde, Iolanda Teixeiro, Roi Sanz e Aitana Tizón- e música, con Xiana Lastra, Alberte Pombo, María Manuela, Bernardo Máiz Bar, Xulio Sueiro e Vítor Santalha.