DO 5 AO 7 DE XULLO

A festa das librarías de Pontevedra

A festa das librarías de Pontevedra
A praza da Ferraría de Pontevedra. Foto: Terras de Pontevedra.
A praza da Ferraría de Pontevedra. Foto: Terras de Pontevedra.  

Trece librarías con sede en Pontevedra protagonizan a Festa dos Libros, “punto de encontro de escritoras e escritores, libreiros e libreiras, editoriais e amantes da lectura, espazo de descubrimento, de curiosidade, de aprendizaxe e de gozo”. Será do 5 ao 7 de xullo na emblemática praza da Ferraría.
 


Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La nube de Papel, Luna Nueva Libros, Metáfora e Paz son as librarías participantes. 10% de desconto nos seus postos e sinaturas de autoras e autores distinguen esta cita, que atinxe a súa terceira edición consecutiva organizada polo Concello de Pontevedra.

A maiores, presentacións, charlas, relatorios, recitais obradoiros ou mesas redondas farán parte dun programa (que se pode consultar íntegro no arquivo anexo) que contará coa presenza de escritoras como Fina Casalderrey, Emma Pedreira, Diana López Varela, Antón Lopo, Francisco Castro ou Eva Mejuto.

A organización do evento salienta os actos de Manuel Rivas (sexta feira, 5 de xullo, ás sete da tarde) sobre os seus dous últimos libros, Vivir sen permiso e outras historias do Oeste e Contra todo isto, de Manuel Jabois, que falará da súa última novela, Malaherba, ou de Ledicia Costas (sábado, 6 de xullo, ás sete da tarde), con Infamia.

A biografía de Castelao de Miguel Anxo Seixas, o debate Enfiando lecturas -con Antón Lopo, Adolfo Caamaño, Jorge Campos e Susana Sánchez Aríns ou As Miradas Cruzadas, en que Ana Cabaleiro -autora da novela As Ramonas- e Daniel Asorey -do libro de poemas Transmatria- procurarán “ideas en común” son outras actividades da Festa dos Libros de Pontevedra.