TODO PRONTO PARA O CONVIVIO DA CULTURA GALEGA

Festa no lugar onde escribía Manuel María

Festa no lugar onde escribía Manuel María
[Fundación Manuel María]
[Fundación Manuel María]  

Trinta e seis asociacións culturais de base escolleron, por quinto ano, a carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, para compartir e celebrar o seu traballo. Organizado pola Casa Museo Manuel María, o Convivio da Cultura Galega será o sábado, 14 de xullo. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 304 de Sermos Galiza.


7Atópase á beira do río Miño, xusto onde este conflúe co Ladra. O termo municipal é Outeiro de Rei, na estrema sur da Terra Cha. Metade propiedade da veciñanza, metade do concello, é unha frecuentada área recreativa, con mesas, asentos de granito e grellas preparadas para asar. Tamén foi o escenario en que Manuel María Fernández Teixeiro escribiu, mentres alindaba as vacas, o seu primeiro libro de poemas. Aquel Muiñeiro de brétemas, publicado en 1950 na colección Benito Soto, foi das primeiras obras en galego posteriores á Guerra Civil. A primeira dun poeta novo: Manuel María tiña 21 anos.

 


A carballeira de Santa Isabel é, daquela, un escenario cargado de significado para a historia da literatura. Na Casa Museo de Manuel María, a uns centos de metros do lugar, sábeno. Por iso a escolleron tamén como escenario. Pero non para escribir poemas, senón para o Convivio da Cultura Galega, un encontro do activismo cultural de base que este sábado, 14 de xullo, atinxe a súa quinta edición consecutiva. Trinta e seis asociacións, federadas en Galiza Cultura, están convocadas a unha xornada “lúdica, festiva e de convivencia”.

 


“No convivio hai dúas vertentes fundamentais”, explica a Sermos Galiza Alberte Ansede, secretario da fundación que leva o nome do autor de Terra Cha (1954), “por unha banda, é unha forma de homenaxear a Manuel María, porque se trata do tipo de festa que a el lle gustaba. Pola outra, queremos reunir as entidades que fan traballo cultural de base e servirmos para que estas acaden acordos máis estábeis”. O “tipo de festa” que lle gustaba ao poeta non é o outro que a romaría popular, en perigo de extinción a causa das orquestras discoteca e a homoxeneización que, segundo Ansede, levan canda si.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 304 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]
 



x