Festa rachada para presentar o novo disco de Zënzar

Festa rachada para presentar o novo disco de Zënzar

A banda de Cerceda pioneira do rock galego presenta novo disco e, como a ocasión merece, vai ser con festa rachada. O disco chámase Camiñando entre serpes. A festa, o sábado na Sala Josfer, en Mesón do Vento. 


Camiñando entre serpes é o título do novo disco de Zënzar, a xa lendaria banda que estivo nos inicios do novo rock galego e continúa en acción producindo música e festa. Para a presentación, a banda de Cerceda convoca unha xuntanza longa e festeira o vindeiro sábado na Sala Josfer, en Mesón do Bento (Ordes) no que coñecer ao vivo o décimo traballo de estudo do decano dos grupos de rock do país. 

Ademais dos membros de Zënzar, ao palco da festa subirán Vituco Neira, Miguel Duarte e Xan, os membros de Ruxe Ruxe que colaboraron no novo disco no que a banda quere simbolizar “unha época escura para a sociedade na que aquelas persoas que gobernan o mundo fano só para as grandes transnacionais, de aí tamén que esteticamente o disco sexa “escuro”, predominando o branco e negro”, o que se evidencia de maneira especial no traballo fotográfico de Juan L. Rúa que pon imaxes ao traballo musical. 

Camiñando entre serpes foi gravado ao vivo no estudo Escola da Rúa en Carballo, e coproducido con Javier Abreu. Será o novo traballo do grupo despois de que en 2013 recibira unha homenaxe de 18 bandas galegas no disco “Vai polos padriños. Tributo aos 25 anos de Zënzar”, no que grupos como Ruxe Ruxe, Dios Ke Te Crew, Machina, Os Tres Trebóns, Invivo, Som Do Galpom, Raiba, K-Raxe ou Compañía do Ruído reinterpretaban temas dos de Cerceda. 

Festa longa

A festa comezará ás 22:00 con foliada con “Os do Xalo”, para, unha hora despois, entrar os Zënzar cos temas do seu novo disco ao vivo e rematar a noite, xa por volta das 00.30 con Xenderal. As entradas están dispoñíbeis en A Taberna, Mestura (Cerceda), Lume e Ferro (Carral), Miranda, Cultura para levar (Compostela) e Cristín (Ordes) ou no teléfono 615512023 e o correo [email protected]