EN 16 CONCELLOS ATÉ O 23 DE MARZO

O festival Atlántica de narración oral chega ao ecuador

O festival Atlántica de narración oral chega ao ecuador
O contacontos e dramaturgo Quico Cadaval. Foto: cedida.
O contacontos e dramaturgo Quico Cadaval. Foto: cedida.  

O Atlántica é a celebración do pracer e a aprendizaxe de se contar contos. Festival da narración oral, nesta edición, a sétima, desprégase por 16 concellos galegos, implica 30 narradoras e narradores e máis de 80 actuacións. No seu ecuador, o programa esténdese até o 23 de marzo.
 


“O Festival Atlántica concibe Galiza como un porto de 1.500 quilómetros de pantalán”, explica a organización, “no que atracarán contadores de historias dos países que beirean o océano Atlantico”. E máis alá: este mes percorren o país activistas da palabra procedentes de Portugal, Xapón, Brasil, Uruguai, Euskadi, de diferentes zonas do Estado español e mais “unha ampla mostra de talento galego”.

Dedicado ao escritor Xabier P. Docampo, morto o pasado ano, o Atlántica 2019. Festival de Historias e Contos ofrece “unha programación chea de historias para alumear o mundo dos nenos e a todas aquelas persoas que levan no corazón un recuncho onde aniñan os contos e lendas”.

Esta sexta feira, 15 de marzo, Carmela Sánchez Aríns relatará, a partir das seis da tarde, a Morte en Compostela, nun paseo pola cidade e os seus antigos recinetos funerarios. En Ferrol, no centro Torrente Ballester ás 20.30 horas, estará Pep Bruno, con Vellos contos de novo. En Compostela media hora máis tarde, no Centro Xove da Almáciga, estarán Maricuela e Celso Fernández Sanmartín.

O 16 de marzo repite Bruno pero en Compostela, ás nove da noite no Teatro Principal. Quico Cadaval á mesma hora no Auditorio de Ferrol contará Os inocentes. No Casino de Lalín, tamén ás nove, Yoshi Hioki amosará Contos tradicionais do Xapón.

O programa reanúdase a cuarta feira, 20 de marzo, da man de Celso Fernández Sanmartín, no Vello Cárcere de Lugo ás 20.30 horas. Será o espectáculo Contar, polo Día Internacional da Narración Oral.

Atlántica 2019 continúa o 21 e 22 de marzo. Ademais das mencionados, Teo, Pazos de Borbén, A Fonsagrada, Guitiriz, Monforte de Lemos, Viveiro, A Coruña, Ourense, Vigo, Brión, Rianxo e Cuntis acolleron ou acollerán as narradoras. Aquí pódese consultar programación e información: http://festivalatlantica.com/