O Festival de Cans conmemora vinte anos de Bravú co seu agroglamour

O Festival de Cans conmemora vinte anos de Bravú co seu agroglamour

Agroglamour, pedigree, música e cine. Son as catro palabras chave que abren galpóns e galiñeiros en Cans, a aldea que do 21 ao 24 de maio se revolucionará coa undécima edición do festival de cine máis peculiar que trae moitas novidades, entre elas, a conmemoración de 20 anos do bravú, o movemento de rock co que naceu nunha taberna de Chantada. 


Unha retrospectiva e un concerto de Heredeiros da Crus servirán da homenaxe do Festival de Cans ao rock bravú, outra iniciativa cultural que naceu na aldea e se gabou da súa procedencia rural. Cans presenta un programa no que inclúe o concurso de 17 curtametraxes, a presentación de 18 videoclips e novidades como a apertura da Carpa do Río, un novo espazo nunha aldea na que a actividade cultural ocupa desde os galpóns ao torreiro. 

O xurado da nova edición do Festival contará co actor Karra Elejalde -que vén de rodar “A Esmorga” de Xavier Villaverde- ademais de Chelo Loureiro, Xurxo Souto, Isabel Ayguavives, Monti Castiñeiras e Xulio Abonjo. 

Ademais das seccións “oficiais”, a nova edición de Cans presentará o espazo “London Canning” no que se recuperarán traballos de cineastas galegos asentados en Londres así como unha selección de traballos audiovisuais sobre deportes extremos e outra de web series. 

Tamén música, humor e gastronomía

A música será, máis unha vez, prato indispensábel do festival e, con Heredeiros da Crus, subirán aos distintos escenarios, Los Coronas, Amable dj, Os da Ría ou Kepa Junquera, nun programa de máis de vinte actuacións do rock ao folk ou á charanga xunto coa “pinchada” de cintas no Torreiro dentro do proxecto Cancasete. Para a ocasión, estrearase o tema “Agroglamour” de Rogelio Groba. 

O humor gráfico do Carrabouxo e á gastronomía á carta de Cans de Pepe Solla serán tamén novidade nesta nova edición na que a participación da veciñanza, marca da casa, promete ser aínda máis intensa. Alfonso Zarauza agarda tamén polo festival para a estrea mundial da súa película “Os fenómenos”. 

O Coloquio na Leira estará protagonizado nesta ocasión pola directora Gracia Querejeta que presentará a súa produción e a súa maneira particular de se achegar ao cine nunha edición no que todos os días se desenvolverá un encontro cunha muller realizadora e na que María Bouzas recibirá o Premio Pedigree, a máxima distinción do certame. Estas e moitas outras propostas nun programa que está ao dispor na súa páxina web.