“CONCORREMOS A SUBSIDIOS INSTITUCIONAIS DESDE A NOSA FUNDACIÓN”

O Festival da Poesía deféndese do ataque do PP: “Ser independentista non é delito”

O Festival da Poesía deféndese do ataque do PP: “Ser independentista non é delito”
Membros da SCD O Condado, entidade organizadora do Festival de Poesía, recollen o pasado setembro o galardón Unha lingua de premio, outorgado pola Deputación de Pontevedra (na foto, á esquerda, o deputado de Cultura Xosé Leal) en recoñecemento ao seu labor cultural. Foto: SCD O Condado.
Membros da SCD O Condado, entidade organizadora do Festival de Poesía, recollen o pasado setembro o galardón Unha lingua de premio, outorgado pola Deputación de Pontevedra (na foto, á esquerda, o deputado de Cultura Xosé Leal) en recoñecemento ao seu labor cultural. Foto: SCD O Condado.  

O emblemático, histórico Festival de Poesía do Condado vén de emitir un comunicado en que se defende das acusacións do Partido Popular, que rexistrou unha pregunta na Deputación de Pontevedra en que acusa de “apoloxía do independentismo” a un dos encontros poético musicais máis importantes e veteranos de Galiza. “Ser independentista non é delito”, retruca a organización.
 


“Na Sociedade Cultural e Desportiva do Condado [entidade organizadora da cita, iniciada en 1981] non escondemos os nosos principios ideolóxicos e de defensa dos dereitos nacionais como pobo”, argumenta, “e a defensa do seu dereito de autodeterminación é un deles”. Por caso, a agrupación fai parte da plataforma Vía Galega “en defensa dos dereitos nacionais de Galiza”.

Outro dos factores que realmente sorprendeu aos activistas culturais do Condado é que o PP se interesase polo apoio da Deputación de Pontevedra ao Festival. “A nosa entidade leva concorrendo a subsidios de distintas institucións practicamente desde a nosa fundación”, sinalan, “entre eles a Deputación de Pontevedra gobernada polo PP de Rafael Louzán ou a Xunta de Galiza de Núñez Feixoo”. Ou co propio Concello de Salvaterra de Miño, onde se celebra, con alcaldes do PP desde 1995, e colaborador imprescindíbel do mesmo. “Sobra dicir que cada euro deses subsidios recibidos foi xustificado con base na lei vixente”, engade.

O Festival da Poesía do Condado será este ano o 31 de agosto. Trátase da súa 33ª edición e conta co internacionalismo como temática central. Noutros anos foron as migracións, o feminismo, o centenario das Irmandades da Fala, o movemento Nunca Máis, o Non á guerra, os dereitos civís. “Un festival galego e en galego, no que se fusiona música e poesía e onde teñen intervido o mellor da cultura do noso país e doutras latitudes do mundo, con destaque para a lusofonía”, relata o mencionado comunicado.

A SCD O Condado tamén se defenda das estrañas insinuacións do PP pontevedrés, que coñeceron pola prensa, sobre a feira artesanal e de colectivos que acompaña o festival como unha das súas actividades principais. “Nela teñen cabida todas as entidades que o solicitaren sempre que se sitúen no respecto aos dereitos nacionais que a nosa entidade leva defendendo desde o franquismo”, explica, “non nos consta que ningunha das entidades citadas na noticia [de La Voz de Galicia] solicitasen pór banca de material en ningunha das edicións do festival”. A información referíase a “mesas que defenden a causa independentista radical en Galiza personalizada en organizacións como Resistencia Galega ou Máis Galicia [sic]”.    

A asociación cultural, que ademais do festival poético -o seu labor estrela- tamén organiza o magosto, unha festa dos maios, ceas populares ou concertos, remata cun convite a asistir á 33ª edición do encontro e reafírmase: “Continuaremos a traballar en positivo pola nosa lingua e cultura no Condado e na Galiza”.