O festival do cómic “Viñetas desde o Atlántico” bota a andar na Coruña

O festival do cómic “Viñetas desde o Atlántico” bota a andar na Coruña
Cartel de Viñetas
Cartel de Viñetas  

Cunha homenaxea Jan, o autor de “Superlópez” no corenta aniversario da súa creación, e a presenza de autores convidados como Fausto Isorna, Baru, Max, Frank Le Gall, Enrique  Fernández, David Aja ou Susanna Martin, o festival da historieta dirixido por Miguelanxo Prado, “Viñetas do Atlántico” abre as súas portas na Coruña. 


O festival do cómic dirixido por Miguelanxo Prado chega a súa XVI edición cun programa no que as exposicións en diversas salas da cidade e a presenza de artistas convidados  con charlas, mesas redondas ou  outras actividades converten á cidade dos días 5 ao 11 na capital dos cadriños. 

Desde o agosto de 1998, Viñetas desde o Atlántico desenvólvese todos os veráns na Coruña cun festival creado arredor da historieta que ten á Torre de Hércules como emblema. Cun cartel deseñado polo historietista balear Bartolomé Seguí -que inclúe o histórico faro- o programa bota a andar con once convidados que serán protagonistas de exposicións, conferencias e obradoiros. Entre eles, e con especial destaque, atópase Jan, o autor de “Superlópez” a quen se lle renderá homenaxe no festival no corenta aniversario da creación do seu personaxe máis popular. Será Antonio Martin, figura editorial da historieta española, quen coordinará a exposición “Jam sólo hay uno”, instalada na sala de Exposicións do Concello. Arredor de Jam tamén está convidado o guionista, tradutor e editor Francisco Pérez Navarro, Efepé, con quen colaboraría en obras como “Nosotros los catalanes” ou “Pasolargo”

Con Fausto Isorna 

Do ámbito galego, o autor, ilustrador e editor Fausto Isorna revisará a súa dilatada traxectoria no mundo da banda deseñada e o cómic. O francés Baru, pioneiro do cómic realista e social; o catalán Francesc Capdevila, Max; o creador de Theodore Poussin, Frank Le Gall, Enrique Fernández, creador de “La isla sin sonrisa” ou o vallisoletano referente no panorama norteamericano por “Ollo de Falcón”, David Aja están tamén na listaxe de artistas convidados ao festival da historieta. 

Só unha muller entre as figuras convidadas ao Viñetas deste ano. Trátase da historietista catalana Susanna Martin, nova referente de cómics educativos, de biografías a cadros e de producións no ámbito social como “Alicia en un mundo real” ou “Sonrisas de Bombay” publicadas por Norma Editorial. 

Máis dunha ducia de exposicións que se repartirán entre o Kiosko Alfonso, Palexco, o Palacio Municipal, a sala Salvador de Madariaga e Aquarium Finisterrae inclúense nun programa. No Kiosko Alfonso abriranse mostras de Baru, Enrique Fernández, Fausto Isorna, Frank Le Gall e Susana Martin. No Palexco, ademais de ser a sede da Biblioteca do Cómic, haberá exposicións de Max e David Aja mentres que unha mostra sobre o panorama da BD galega quedará aberta ao público na Salvador de Madariaga. A conmemorativa de Jan xunto coa do Supergrupo (Jan e Efepé) estarán no Palacio Municipal e unha visión do mar a través do cómic completará a programación no Aquarium Finisterrae. Conferencias, mesas redondas, sesións de sinaturas ou encontros profesionais inclúense tamén na semana na que as historietas son as protagonistas culturais da Coruña.