PREMIO CULTURGAL

A poesía que se soña no Courel

A poesía que se soña no Courel
Festival dos Eidos no Courel
Festival dos Eidos no Courel  
O festival dos Eidos, organizado pola Fundación Uxío Novoneyra, recibe o premio do Público da Culturgal 2019.

«Chove para que eu soñe», rezan as portas das vellas cortes da que fora casa do poeta do Courel por antonomasia. Hoxe en día, transformada en sede da Fundación Uxío Novoneyra, serve de cuartel xeral, entre outras moitas iniciativas, do festival dos Eidos, homenaxeando a famosa obra do escritor. A maxia e diversidade deste encontro valéronlle o apoio popular, consolidando o evento como gañador do Premio do Público Culturgal 2019

Máis de 1.600 persoas votaron na rede durante dúas semanas, escollendo entre as tres propostas que, alén da gañadora, inclúen o Novos Cinemas de Pontevedra e o Club Clavicémbalo de Lugo. A candidatura dos Eidos recibiu 819 votos, impoñéndose sobre as outras dúas.

Os campos familiares dan nome a un festival relativamente mozo, que desde hai cinco anos constitúe unha axitación no remanso do agosto da montaña lucense. A festa trae á convivencia de veciñanza e visitantes unha celebración da poesía, da natureza e das artes.

O seu modelo transcende o típico para transitar os territorios do mestizo en tres xornadas cunha programación cultural que conxuga distintas disciplinas vencelladas ao literario: recitais, concertos, artes escénicas, roteiros, visitas guiadas, ou mesmo obradoiros.

Son as apostas da fundación para destacar o legado do seu poeta, contribuíndo á dinamización da zona. A organización entende o amor pola literatura como ferramenta para habitar e mellorar o mundo, nun utopismo que se fai realidade cada agosto, e que o público quixo recoñecer.

A entrega do premio será durante a feira Culturgal, no Pazo da Cultura de Pontevedra, o domingo 1 de decembro.