O festival Galicreques premia a compañía Etcétera

O festival Galicreques premia a compañía Etcétera
Función da compañía Etcétera. Foto: cedida
Función da compañía Etcétera. Foto: cedida  

O xa veterano festival Galicreques, que transcorrerá entre o 14 e o 22 de outubro en Santiago de Compostela, vén de anunciar a concesión do seu premio á compañía andaluza de monicreques Etcétera. Con sede en Granada e dirixida por Enrique Lanz, 35 anos de traxectoria avalan a experiencia de Etcétera, que, segundo a organización de Galicreques, "sempre se caracterizou por abrir novos camiños na dramaturxia e na posta en escena".


Galicreques engade que a procura "arriscada" de "propostas novidosas" para elevar o teatro de monicreques "a grandes niveis de brillantez e excelencia artística" é outro dos sinais de identidade de Etcétera. A compañía atópase directamente conectada con Federico García Lorca ou Manuel de Falla: o avó de Lanz, Hermenegildo, "un auténtico referente do sector escénico", colaborou con eles.

O festival Galicreques, organizado pola asociación Barriga Verde, acada este outubro a súa viséximo segunda edición. Vinte e sete espectáculos de Galiza e países como Arxentina, Francia, Portugal ou Brasil conforman un programa que ocupará, amais de salas habituais como o Teatro Principal ou a Fundación SGAE, prazas e rúas.