14 DE AGOSTO NA SECCIÓN A CONCURSO

O Festival de Locarno estrea 'Longa noite' de Eloy Enciso

O Festival de Locarno estrea 'Longa noite' de Eloy Enciso
Fotograma de 'Longa noite', de Eloy Enciso. Imaxe: cedida.
Fotograma de 'Longa noite', de Eloy Enciso. Imaxe: cedida.  
O público asistente ao Palexpo de Locarno, en Suíza, esta cuarta feira 14 de agosto ás dúas da tarde, será o primeiro en ver Longa noite, o último filme de Eloy Enciso. A obra, unha indagación formalmente rigorosa e emocionalmente dura na memoria histórica, compite no concurso internacional do prestixioso certame polo Leopardo de Ouro. Outras 15 fitas optan a el.

Construída a partir de textos literarios de Ramón de Valenzuela, Max Aub, Jenaro Marinhas del Valle ou Alfonso Sastre, Longa noite relata o regreso á terra dun home escapado despois do 36. Silencios e feridas, ocultacións e certa poética do desarraigo poboan un filme en que a maior parte dos actores e actrices non son profesionais: Misha Bies Golas, Nuria Lestegás, Manuel Pozas, Verónica Quintela, Manuel Pumares, Suso Meilán ou Celsa Araújo. Enciso escolleu para rodar localizacións en Pontevedra e en Lugo.

A anterior longametraxe do cineasta de Meira, Arraianos, apoiábase nunha peza dramática de Marinhas del Valle. Tamén se estreara en Locarno, mais na sección paralela Cineastas do presente.