Un festival de música e poesía para a Rosalía de Castro máis reivindicativa

Un festival de música e poesía para a Rosalía de Castro máis reivindicativa
Un momento da comparecencia informativa en que Goretti Sanmartín apresentou a gala [Foto: Deputación da Coruña]
Un momento da comparecencia informativa en que Goretti Sanmartín apresentou a gala [Foto: Deputación da Coruña]  

O Teatro Colón da Coruña acolle esta sexta feira 23 de febreiro unha gala arredor da figura do grande clásico da literatura galega.


A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, presentou esta terza feira os actos conmemorativos do aniversario de nacemento da escritora. O acto central será esta sexta feira no Teatro Colón, nunha gala na que o público poderá gozar gratuitamente dun espectáculo interxeracional no que a música e a voz vertebrarán as palabras da escritora de Padrón.

O evento estará presentado pola actriz e poeta Lorena Conde e contará con recoñecidas voces da música e da poesía para lembrar a máis ilustre e universal figura da literatura galega. As cantantes Najla Shami, Nastasia Zürcher e Xiana Lastra (A banda da Loba) amais do pianista e compositor Abe Rábade e a banda Tempo Catro ocuparanse da parte musical mentres que as voces de Cesáreo Sánchez Iglesias, Marta Dacosta, Rosalía Fernández Rial e Anxo Angueira serán as encargadas de encher de poesía o Teatro Colón. A entrada é gratuíta e xa pode ser reservada ou recollida na billeteira do teatro ou a través do seu sitio web.

“Unha muller moderna e combativa”


Ante un Teatro Colón colorido con ducias de globos coa imaxe de Rosalía de Castro, a política foi acompañada no acto de presentación pola cantante Xiana Lastra e o alumnado do IES Puga Ramón. Lastra quixo animar a centros educativos e concellos a festexar a data e destacar o carácter “necesario” da iniciativa para seguir a conectar a figura de Rosalía de Castro coas persoas mais novas. “Rosalía foi unha muller moderna e as súas reivindicacións no eido do feminismo seguen a estar completamente vixentes”, declarou.

Pola súa banda, Sanmartín engadiu que cómpre “superar os tópicos e a visión de tristura sobre Rosalía”, pois “ela foi unha muller combativa, moderna e cun pensamento revolucionario que continúa vixente”. Unha Rosalía vangardista e revolucionaria que toma nova forma baixo a ollada de Xiana Iglesias, a ilustradora encargada de deseñar esta nova imaxe dunha “súper heroína” Rosalía que xa loce na fachada do Teatro Colón.

Por último, e dentro dos actos conmemorativos do nacemento de Rosalía de Castro, a Deputación da Coruña tamén organizará na próxima terza feira 27 de febreiro a conferencia  “A modernidade e a vixencia do discurso de Rosalía”. Terá lugar na Biblioteca Provincial  ás 19:30 horas e será impartida pola escritora e sociolingüista, Pilar García Negro, unha das grandes especialistas da obra e da vida da escritora fundacional da literatura nacional galega.