Festival de Noso e Festiclown no inicio do San Froilán

Festival de Noso e Festiclown no inicio do San Froilán
Sete magníficos máis un
Sete magníficos máis un  

O Festival de Noso e o Festiclown, simultaneo en Cisxordania, animan as rúas de Lugo no primeiro fin de semana das festas do San Froilán. 


A Asociación Cultura do País organiza, no inicio das festas do San Froilán, o Festival de Noso, un encontro que quere promocionar a cultura propia nesas xornadas nas que a cidade reborda xente por todas partes. Esta sexta feira, 3 deoutubro, nos xardíns do Museo Provincial a partir das 22:00 horas a música do Sonoro Maxín e Familia Caamagno dará inicio a esta cuarta edición do festival que se fai en colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo. 

Ademais de música, o sábado 4 de outubro regresa a Liga Gallaecia de fútbol gaélico a partir das 17:00 no Campo de Nadela no encontro entre a Afiadoras de Ourense contra Suévia de Compostela para, unha hora despois, a equipa local, os Torques de Lugoslavia se enfrontar co actual gañador da liga, Ambilokwoi de Vigo. 

Festiclown 2.0 Multisede

Bota a andar tame´n o Festiclown 2.0 Multisede Lugo, con máis de vinte actuacións que levarán o riso e a diversión á cidade durante toda a semana. Prometen estar en rúas e prazas mais tamén sorprender á volta da esquina, din que, alá onde haxa xente, que é como dicir en toda parte neses días na cidade. 

Organizado por Pallasos en Rebeldía e dirixido polo clown Iván Prado, o Festiclown conmemora este ano o seu quince aniversario, coincidindo a cita de Lugo coa de Cisxordania. No programa que se desenvolverá ao longo de toda a semana en rúas e outros espazos actuarán Supergalácticos, Fanfarria Taquikardia, Circo Chosco, Cé Orquestra, Sete Magníficos máis Un, Peter Punk, Roi Sixto ou A Magnifique Bande dos Homes sen Medo. O director Iván Prado é o protagonista do apartado de formación co programa "Pallaseando a existencia". O programa completo pódese consultar nesta ligazón. 



x