O festival Novos Cinemas de Pontevedra aposta pola internacionalización

O festival Novos Cinemas de Pontevedra aposta pola internacionalización
Imaxe da clausura da pasada edición de Novos Cinemas. De fronte, á esquerda, o director do certame Ángel Santos. Ao seu carón, o cineasta Eloy Domínguez Serén. Foto: Novos Cinemas.
Imaxe da clausura da pasada edición de Novos Cinemas. De fronte, á esquerda, o director do certame Ángel Santos. Ao seu carón, o cineasta Eloy Domínguez Serén. Foto: Novos Cinemas.  

Non é o máis usual, pero o festival Novos Cinemas de Pontevedra adoita escapar do usual. Volveuno facer para, tres semanas despois da súa celebración, emitir un documento de “balanzo” en que reafirma a súa aposta pola internacionalización e o “talento emerxente”.
 


“O vindeiro ano Novos Cinemas saltará o Atlántico e farao cunha xira por México e Colombia”, anuncia o certame, “coa que dará a coñecer o audiovisual galego e mais o europeo”. Segundo explica a organización, a viaxe é o produto das “alianzas tecidas polas empresas locais e o Concello de Pontevedra durante a viaxe institucional e comercial a México en 2017”.

O apoio a “detectar e visibilizar” o talento emerxente é a outra liña de traballo a salientar por Novos Cinemas, cuxa edición de 2018 -do 11 ao 16 de decembro- contou con sete estreas nas sección competitivas. A formación audiovisual da cidadanía “ao longo de todo o ano” fíxose efectiva a través de #Aula, o programa formativo do festival, con obradoiros e encontros con cineastas.

A cuarta das conclusións difundidas polo festival ten a ver co estabelecemento de comunicacións e pontes: “Favorecer a conversa entre diversos axentes do sector audiovisual e entre cineastas e público”. “Esta edición tamén funcionou como punto de encontro do sector audiovisual e escaparate do traballo feito en Galiza”, indica, e lembra actividades como o asesoramento de cineastas noveis para desenvolver os seus proxectos, debates sobre educación e cinema ou a sección #Noites, un programa de concertos.

Novos Cinemas, organizado pola asociación do mesmo nome e mais Matriuska, ten o apoio do Concello de Pontevedra, a Deputación, a Xunta a través de Agadic e mais a Universidade de Vigo, e o patrocinio de numerosas empresas privadas.



x