SEXTA EDICIÓN DO CARBALLO INTERPLAY

O festival que sitúa Carballo no mapa

O festival que sitúa Carballo no mapa
Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay
Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay  

O festival de contidos dixitais celebrado na vila de Carballo alcanza este 2019 a súa sexta edición, que chega ateigada de novidades. Durante tres días, do 3 ao 6 de abril, o mundo audiovisual centrará a súa atención en Carballo. Sermos Galiza fala con Sonia Méndez, a súa directora. 


"É un festival consolidado, si", di Sonia Méndez, directora do Carballo Interplay, sobre o proxecto pioneiro que este ano celebra a súa sexta edición, do 3 ao 6 de abril. O que comezou como un festival de curtametraxes abarca agora moito máis, desde obradoiros até coloquios, pasando por apoios ao audiovisual galego.

"Esta edición é unha das máis ambiciosas", explica Méndez, "temos un país convidado (Arxentina); a Malena Pichot e Charo López, o máximo referente para nós no mundo da comedia feminista na internet, pioneiras do sector, que actúan por primeira vez na Galiza; por outra banda temos unha actividade de redes de sororidade no mundo dixital, cun painel incríbel de creadoras: Rocío QuillahuamanLula Gómez de Eres una caca, Isabel Cano, deseñadora de videoxogos, ou Anabel Lorente; están tamén as mesas de Youtubers galegos, por primeira vez no festival, un espazo dedicado a xente que fai contidos dixitais na nosa lingua; segue a haber o campamento Kamikaze -a serie producida no campamento da pasada edición gañou un premio Mestre Mateo-; volvemos ter o Código Fonte Audiovisual con Aldaolado; hai unha preestrea de Flooxer; unha actividade con Manuel Bartual e El Hematocrítico de narrativas de ficción en Twitter... Unha chea de cousas, en definitiva, non podería elixir".

Define así Sonia Méndez, con esta batería de actividades, o carácter transversal que foi adquirindo o festival co paso dos anos. O que comezou como unha competición de web series acompáñase agora dunha ampla gama de actividades, interesantes non só para a xente do sector senón para todas as persoas que amosen un mínimo interese nos contidos dixitais e internet. Malia todo, a directora segue a definir a competición como un dos pratos fortes. Reciben máis de 200 propostas chegadas de todo o mundo, "podes descubrir series moi interesantes a nivel estatal e internacional". 

Cada edición recibe máis persoas, moitas que repiten, "xente coñecida que se achega a mantenta a Carballo porque queren saber o que está pasando. Ter este festival aquí é un puntazo", celebra Sonia Méndez, "supón poñer Carballo no mapa. Chegan series de todo o mundo. Cando se fala de festivais de webseries a nivel internacional sae o nome de Carballo". Ademais, insiste en que o festival non se limita a eses días.

"Hai unha pata do festival, de humor máis transgresor, aberta ao todo público, para pasalo ben", reflexiona Sonia Méndez, "logo hai outra quizais máis enfocada a creadores, para que poidan saber que é o que buscan as empresas audiovisuais. Pero sen subida, o Carballo Interplay é un festival que hai que vir descubrir", sentenza.