FREIXEIRO MATO, AUTOR DE "A POESÍA OCULTA DE FILGUEIRA VALVERDE"

“Filgueira Valverde quixo desfacerse da autoría dos poemas franquistas e atribuíullos a Noriega Varela”

“Filgueira Valverde quixo desfacerse da autoría dos poemas franquistas e atribuíullos a Noriega Varela”
Freixeiro Mato. Foto: Óscar Paris
Freixeiro Mato. Foto: Óscar Paris  

Cunha investigación apaixonante, o profesor Xosé Ramón Freixeiro Mato descobre que os tres poemas anónimos de exaltación franquista que o propio Filgueira Valverde atribuíra a Noriega Varela son en realidade do autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. 


O libro A poesía oculta de Filgueira Valverde (Baia Edicións) desvelará en breve o proceso de pesquisa do investigador que ten nos distintos modelos de lingua a súa principal proba. Queda á vista, entre outras cousas, que Filgueira abrazou o franquismo desde o primeiro momento. 

-A investigación parte da sospeita. Vostede dubidou, desde os inicios, da autoría de Noriega Varela dos poemas franquistas de O Gaiteiro de Lugo, os tres “Xuicios do Ano” publicados de 1937 a 1939. 

Tiña sospeitas mais nunca lle dedicara tempo e agora decidín afondar na investigación. O ter feito a tese sobre Noriega e ter estudado a súa lingua facían que tivera seguridade de que eses poemas non eran del. Todas as sospeitas levábanme ao lado de Filgueira. 

-Cando deixa ver a súa desconfianza por vez primeira?

Cando publico A cara oculta de Noriega Varela (Laiovento, 1992) inclúo textos que se lle atribuían e outros que descubrín noutras publicacións mais tamén estes tres d´O Gaiteiro de Lugo que xa antes Claudio Rodríguez Fer os dera a coñecer como de Noriega e eu recollinos facendo constar nunha nota a desconfianza ao non me casar a lingua, o estilo e mesmo a cuestión ideolóxica.  Rodríguez Fer comentárame que fora o propio Filgueira quen lle dixera que eran de Noriega. Cando despois fixen a edición crítica da obra de Noriega xa me din conta de que era imposíbel que foran del. Ao publicar en 1994 a tese de doutoramento xa os pasei á fin do volume facendo constar que eran poemas que lle foran atribuídos a Noriega.  As razóns de tipo lingüístico polas que non podían ser del eran sólidas. Faltábame aventurar e comprobar de quen podían ser. 

A entrevista completa mais un avanzo dos poemas pódense ler no número 140 de Sermos Galiza, xa na nosa loxa e nos distintos puntos de venda do semanario. 



x