“As fillas bravas”, a aposta de Chévere no teatro feminista en clave de humor

“As fillas bravas”, a aposta de Chévere no teatro feminista en clave de humor
As fillas bravas
As fillas bravas  

Feminista e de humor. Así son “As fillas bravas”, a nova proposta de Chévere que se estrea na Mostra Internacional de Cangas dentro do programa Mulleres en Acción. 


A través de coplas e coas súas pandeiretas como arma, tres actrices soben ao escenario para ofrecer a nova aposta de Chévere, unha obra en clave de humor feminista que continúa a liña encetada por Testosterona e que continuaron con Citizen. Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantxa Villar cantan e tocan en As fillas bravas. 

O repertorio é, maiormente, tradicional e nel atopou a compañía Chévere material abondo para compoñer a súa nova obra, un irreverente espectáculo en clave de humor feminista que leva ao escenario a tres mulleres enérxicas, que fan o que lles petan e que se comunican a través de cancións, por veces desinhibidas e impúdicas. 

A liña de xénero

A estrea desenvólvese na Mostra Internacional de Cangas, dentro do programa Mulleres en Acción, unha plataforma acaída para a presentación ao público desta nova proposta de teatro con clara e militante perspectiva de xénero na que a compañía vén traballando desde que se iniciou con Testosterona e o seu cuestionamento da rixidez dos xénero, continuaron con Citizen na crítica dos imperios construídos sobre a explotación feministas e seguiron coa produción de  I’ll be watching you, momento no que decidiron espir as cancións románticas para deixar á vista o machismo que transmiten. 

Agora, con As Fillas Bravas queren “reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados”.Patricia de Lorenzo, Mónica García, Arantza Villar bótanse anos por riba para achegarse a tres mulleres maduras, sen prexuízos, que pisan forte e cantan e tocan a pandeireta, a súa particular canción protesta que desde a tradición e con ironía rebenta unha sociedade machista que elas tamén padecen mais das que saben rir e facer rir. 

A obra estréase esta terza feira día 1 de xullo na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas dentro das xornadas Mulleres en Acción que ten como fin divulgar espectáculos, ideas ou propostas  que se encamiñen cara á “coeducación, a paridade, a visibilidade, a denuncia e a liberdade a decidir sobre o propio corpo, a liberdade sexual”. O programa, alén de espectáculos, inclúe conferencias, obradoiros e premios.