CUARTA FEIRA ÁS 20.00 HORAS NO ATENEO

A filosofía de Marx, a debate en Pontevedra

A filosofía de Marx, a debate en Pontevedra
Karl Marx. Imaxe: cedida.
Karl Marx. Imaxe: cedida.  

Ramón Regueira e Francisco Sampedro serán os primeiros conferenciantes do ciclo A vixencia da filosofía de Karl Marx no bicentenario do seu nacemento, organizado polo Ateneo de Pontevedra da man do filósofo Domingos Antom Garcia.
 


O salón de actos da Casa das Campás acollerá a primeira das mesas de debate esta quinta feira, 17 de outubro, ás oito do serán. Regueira (Rodeiro, 1943), licenciado en teoloxía e filosofía e catedrático xubildado desta última materia no ensino medio, dedicará a súa intervención a dous conceptos fundamentais do pensamento de Marx: o de praxe e o de alienación.

Autor de ensaios como Filosofía e compromiso (Espiral Maior, 2004) ou XoánVicente Viqueira. Teoría e praxe (Novo Século, 2002), a súa conferencia tamén repasará as orixes e as derivadas de ambas as dúas ideas.

Francisco Sampedro (A Coruña, 1956), pola súa banda, titulou o relatorio Ideoloxía e distorsión, como o primeiro dos seus libros, publicado en Xerais en 1997. Nel procurará “unha primeira distinción entre as dúas acepcións do termo ideoloxía” e debruzarase sobre o concepto na obra de Karl Marx para elaborar unha “teoría crítica do discurso”.

Entre as obras principais de Sampedro atópanse A violencia excedente (Laiovento, 2006) ou Figuras da finitude (Laiovento, 2015).



x