ESCRITOR NA SÚA TERRA DA AELG

A fin do exilio interior de Nacho Taibo

A fin do exilio interior de Nacho Taibo
O escritor Nacho Taibo fala sobre 'Os tres de nunca' no programa 'ZigZag' da TVG.
O escritor Nacho Taibo fala sobre 'Os tres de nunca' no programa 'ZigZag' da TVG.  

“Para concluír, como creador son un perfecto fracasado”. Con esta crueza percibíase, en 2001, o escritor Xosé Ignacio Taibo. Nun texto autobiográfico publicado na páxina web da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), Taibo lamentaba o “activo rexeitamento” que suscitaba na crítica a súa obra serodia. A concesión, pola mesma AELG, da distinción Escritor na súa Terra vén reparar, sequera parcialmente, este relato.
 


A escrita de Taibo -nado en 1949 en Madrid- circulou sempre por vías alternativas. Os aires borgianos e de anticipación posmoderna de Homes de ningures (1977), a reivindicación da narrativa de aventuras en Informe bestiario (1990) ou a experimentación coa novela historica da Ponliña irlandesa (1997) ou Salvador de Occidente (2000) foron mostras do seu continuo internamento en territorios por conquistar.

“Nos libros de texto non pinto nada, e amais é imposible establecer correntes a partir da Nova Narrativa”, respondía a Óscar Iglesias de El País en 2009 sobre a localización historiográfica do seu labor, “diría que non hai perspectiva histórica, pero tampouco é explicación”. Se hai trazos efectivamente comúns coa promoción de autoras comandada por Ferrín, Queizán ou Mourullo, non teñen a ver coa reavaliación do Nouveau Roman, inexistente nos libros de Taibo. Si, talvez, con certas relacións e unha visión política: o pintor Reimundo Patiño, “pintor de extrema avangarda deliberada e comunista nacionalista”, foi unha amizade determinante.

Mais aquela luz que emitían os seus pasos iniciais -O fotógrafo (1977), Calendario de brétemas mañanceiras na miña praia atlántica (1981) ou A semancia (1981)- esmoreceu ao tempo que certa normalización reducía as potencias da literatura á procura de mercados e estatus social. “Despois de certo bum entre 1975 e 1980, porque non había moito máis, cando nos normalizamos, a miña obra simplemente foi marxinada”, chegou a declarar.

Retorno: 'Os tres de nunca'

“Non estamos, porén, diante dun exercicio de perspectivismo inane nin dun colado pouco orgánico de fragmentos soltos, porque Taibo é ben consciente do que fai”, escribía a tamén novelista e crítica Eva Moreda a respecto do último traballo de Taibo, Os tres de nunca (2017). Literatura de longo alento sobre tres amigos soprepasados pola historia -a Guerra Civil-, Os tres de nunca, engade Moreda na súa recensión para Biosbardia, “non pareceu ter cando se publicou vai aló un ano a acollida que merecía”.

E porén, as súas colegas escritoras parecen decididas a reconfortar aquela sensación de desamparo literario que Nacho Taibo sinalaba no seu auto exame de 2001. A viséximo cuarta edición do Escritor na súa Terra concédelle a letra E e unha homenaxe que se celebrará en xuño onde pasou boa parte da súa infancia: Oleiros.