COMO DICILO?

Fío

Os alfaiates saben moito de fíos
Os alfaiates saben moito de fíos  

O fío, nunha definición primaria, podemos dicir que é a fibra de materia téxtil que serve para coser ou para tecer, para confeccionar un tecido, unha tea, un pano. E ao coser unimos dous puntos, prendémolos e apertámolos co fío nunha puntada. Dar unha puntada sen fío sería non coser, unir en falso o que se había separar no instante. Non dá puntada sen fío é unha frase que se aplica metaforicamente a alguén que non perde proveito ningún, que todo o fai moi meditadamente pensando no su propio interese. A frase existe tamén en portugués cunha forma igual en substancia : não dá ponto sem nó.

Podemos tecer, formar un tecido, entrelazando fíos, ora en sentido horizontal ora en vertical; ao final teremos unha tea ou pano. Naturalmente, a confección de roupa é unha das grandes conquistas da Humanidade, mais ás veces esquecémolo é referímonos figuradamente co verbo a accións pequeneiras, sen importancia: Miña nai, anda aí pola horta, tecendo, dicimos para caracterizarmos laboriños miúdos. Outras veces ese sentido figurado refírese ás voltiñas que dá o pensamento, á actividade de cabeza: Pasa a tarde alí metido, tecendo, é dicir, matinando, barallando.

É moi importante que o tecido formado non se desfaga, non se esfiache, e así un procedemento para evitar que isto aconteza co roce é facer na roupa de vestir (saia, pantalón, etc) ou noutras pezas unha dobra no extremo que se cose para protexer o fío: é unha baíña, e abaíñar, facer unha baíña, chámaselle tamén a facer esa voltiña na masa da empanada que se recolle cun churriño. A locución abaiñar as palabras é coidar ben a expresión, o que se di e máis o como se di, evitar que a fala se esfiache ou se derrame toda por fóra. Escribo baíña coa grafía galegoportuguesa tradicional  e a española antiga, mais lectoras e lectores deben saber que a normativa actual do galego prescribe vaíña en consideración á procedencia do latín vagīna (do que provén o cultismo vaxina e os derivados españois vaina e vainilla)

O fío vén representando o paradigma da delgadez (delgado como un fío)  e hai quen traslada esa semellanza a unha planta de talo fino: delgado como un fiúncho; para facelo, a maiores da semellanza visual foi importante a semellanza fónica.

Resulta doado comprender a expresión a fío, que utilizamos para caracterizar un líquido que corre sen interrupción: a auga da billa corría a fío/o cativiño choraba a fío/onte á tarde chovía a fio, etc. E esa continuidade é a que expresa o fío nalgunhas frases feitas como o fío do lombo ou columna vertebral (tamén chamada doutras maneiras figuradas como o carrelo).

O fío denomínase tamén en galegoportugués liña, e non só son liñas as de pescar senón tamén as de coser. Un personaxe mítico da tradición galega é O xastre das Baíñas: o xastre das Baíñas, que cose de balde e mais pon as liñas. Representa a inxenuidade, ou unha especie inexistente que todos quixeramos ter de man, algo así como o que en castelán chaman un mirlo blanco.

O tal xastre, que tamén pode aparecer como « o xastre do Vío-vío: O xastre do Vío-vío que cose de balde e mais pon o fío.

Cosamos coas liñas desta cantiga popular :

Tes uns olliños na cara
que son liñas de bordar;
nacemos un para o outro:
qué lle habemos de esperar!

    
 



x