PRIMEIRO DISCO DE BAIUCA

Folclore e sintetizadores

Folclore e sintetizadores
Alejandro Guillán, de Baiuca.
Alejandro Guillán, de Baiuca.  

Poucos territorios hai máis distantes que o da música electrónica e o da tradicional. Porén, existen valentes que procuran vías de aproximación a unha zona mestiza, onde convivan folclore e sintetizadores. O primeiro disco de Baiuca, Solpor (2018), é unha das máis acabadas tentativas.
 


“Este proxecto nace un pouco dunha necesidade”, explica Alejandro Guillán (Catoira, 1990), o cerebro detrás de Baiuca, “a necesidade de xuntar dúas partes da miña vida”. Gaiteiro desde os dez anos, cando entrou na universidade abandonou o instrumento. Ou máis ben trocouno. Por sintetizadores. “Pasei anos intentando unir música tradicional con estes sons”. Solpor, dispoñíbel en bandcamp e nunha edición limitada en CD, é a consecuencia.

O punto de sutura atopábase nos ritmos. Casar unha xota ou unha muiñeira -esta de compás 6x8- co máis liñal 4x4, habitual na música dance 4x4 supuxo un desafío de primeira orde. “Identificar o punto onde tiña que estar o swing foi complicado. E non quería que soase unha cousa por un lado e outra por outro”, expón, “creo que fun atopando un camiño”.

cuberta disco baiuca

O experimento remite, ás veces de lonxe, ás veces de preto, a experiencias doutras latitudes como os escoceses Shooglenifty ou os Afro Celt Soundsystem menos pexados pola sonoridade new age. Guillán menciona, ademais, nomes importantes do subxénero folktrónico: Nicola Cruz, Chancha Vía Circuíto ou Nicolas Jaar. En Galiza probaron aquela Ecléctica Ensemble en que militaba Ugia Pedreira, os pontevedreses Projecto Trépia, Bonovo -centrados na zanfona-, ou Mercedes Peón, sobre todo a partir de Sós, o seu disco de 2010.

“Baiuca está feito desde o respecto. Quere ser tamén unha homenaxe”, afirma Alejandro Guillán, “e que quen escoite chegue outros lugares, que se adentre no universo tradicional”. Solpor está inzado de voces, algunhas manipulacións de gravacións históricas -“non hai maneira de reproducir eses timbres”- e actuais -coa axuda da Asociación Cultural Xirandela.

Guillán preséntase solitario en directo. Computador, sintetizadores, frauta, cunchas, caixas de ritmos e, por veces, a axuda de Adrián Canoura, que se encarga da parte audiovisual do proxecto. Baiuca xa actuou en Catalunya e axiña o fará en Madrid, o vindeiro un de xuño. “Alá onde imos hai conexión. Recibo mensaxes de persoas que o escoitaron en Venezuela ou Arxentina e perciben semellanzas coa música tradicional dos seus países”, di, “aínda que, se cadra, é máis complexo en España. O norte sempre estivo culturalmente abandonado”.

Baiuca non será unha proposta efémera. Alejandro Guillán xa prepara novo material e antes de fin de ano agarda sacar un EP, “complemento do disco”. Revisar “cancións míticas galegas” é outra dos seus propósitos. “Non quero que pare a maquinaria. Estou moi ilusionado e penso que atopei o punto”, conclúe.

Nota: cuberta de Solpor, o primeiro disco de Baiuca.