O MÍTICO DEBUT DE EMILIO CAO, REEDITADO EN VINILO

'Fonte do Araño' ou a modernidade folk

'Fonte do Araño' ou a modernidade folk
Emilio Cao, segundo pola esquerda, cos músicos de 'Fonte de Araño'. Foto: cedida.
Emilio Cao, segundo pola esquerda, cos músicos de 'Fonte de Araño'. Foto: cedida.  

No ano do punk, Galiza tamén viviu a súa particular revolta musical. Pero foi de signo distinto. Emilio Cao publicaba o seu primeiro elepé, o mítico Fonte do Araño, e a música galega non volveu ser a mesma. O celtismo entraba pola porta grande e a relectura do folclore tinxíase de rock progresivo. "Este disco precisaba ser reeditado", afirma Nonito Pereira, do selo Polyrock e responsábel da nova versión en vinilo, "é algo totalmente vixente, tremendo".
 


Fonte do Araño desapareceu de circulación contra finais dos anos 80. Malia facer parte da memoria sentimental da xeración que viviu o esboroamento da ditadura, os designios discográficos non foron xenerosos con el. "Fixérono un grupo de rapaces, de apenas 20 anos, con intención de renovar a música galega", descríbeos Pereira. Con Cao (Compostela, 1953) á arpa, entraron ao estudio Audiofilm de Madrid Bernardo Martínez á frauta, Xosé Ferreirós á gaita e á percusión, Antón Seoane á zanfona e Xoán Piñón á guitarra eléctrica.

"Escoitar No campo da festa e sentir como Xoán Piñón evoluciona coa guitarra ao estilo de Robert Fripp [guitarrista inglés e líder de King Crimson] é impresionante", esténdese. Aínda que foi a conexión co arpista bretón Alan Stivell, autor das notas da cuberta de Fonte do Araño, a que trascendeu, os fíos que atan a obra ao seu tempo máis alá do folk son múltiples. "O que fixo daquela Emilio Cao tiña relación co rock andaluz ou coa psicodelia catalá", sinala Pereira, "de feito, algunha canción compúxoa en Cadaqués".

O único nome que figura na capa do disco é o do propio Cao. "Mais foi un traballo coral. Todos os músicos que participaron estaban de acordo nesa busca", indica. Unha busca que indagaba nas raíces populares para propulsalas á contemporaneidade. A propia funda de Fonte do Araño incide na idea. Estlización modernista de motivos prerrománicos, inspirados nas formas da cerámica de Buño ou do castro de Baroña, ideouna o deseñador Xosé Díaz.

emilio cao fonte do araño

Corenta anos despois da primeira edición -Zafiro comercializouno en casete en 1986-, o elepé regresa ás (escasas) tendas de discos en, si, formato elepé. "Permite apreciar a portada en todo o seu esplendor", argumenta Nonito Pereira. De 49 anos, Pereira leva toda a vida vencellado á música. E chegou á Fonte do Araño por vía familiar. O seu pai, homónimo del, foi a plataforma orixinal da obra, a través da casa Abrente.

"Tardamos dous anos en poñer a reedición, de 300 exemplares, na rúa", relata. Os dereitos de fabricación do disco pertencen á Sony. O proceso de concentración de empresas discográficas, acelerado nas dúas últimas décadas, explícao. "Novola, onde estaban por exemplo as Vainica Doble, gravárao e distribuírao. Zafiro fíxose co seu catálogo e rematou en mans de Ariola BMG. Sony mercou todo". Caso análogo, engade, é o do primeiros traballos de Fuxan os Ventos, hoxe propiedade de Phillips.

Fonte do Araño é o segundo traballo de recuperación de Polyrock. Hai dous anos devolveu á vida outro elepé de lenda, N.H.U. (1978), rock progresivo en galego altamente cotizado nos foros internacionais especializados. Como Xocaloma, María Manoela ou Xoán Rubia, fixera parte do catálogo de Abrente. Tamén Milladoiro, o disco que en 1978 publicaron Antón Seoane e Rodrigo Romaní, e que Pereira fillo pensa agora en resucitar.