CRAIG PATTERSON PRESENTA A SÚA TRADUCIÓN AO INGLÉS DO CLÁSICO

'Forever in Galicia', por Castelao

'Forever in Galicia', por Castelao
Cuberta e contracuberta de 'Forever in Galicia'. Imaxe: cedida.
Cuberta e contracuberta de 'Forever in Galicia'. Imaxe: cedida.  

“I am far way from my Homeland: in Badajoz. An immense blue lantern covers me. I find myself in Espantaperros Tower and from here I can see the city's entangled streets. A lithe stork stands watch at the edge of this nest, and wild doves chirp in the air”. Así escribe Castelao en inglés. Polo menos no inglés de Craig Patterson.
 


Porque Patterson (Gloucester, Inglaterra, 1973) é o tradutor de Sempre en Galiza (Forever in Galicia), que a vindeira semana se presenta en varias localidades galegas. Catorce anos de traballo e unha axitada peripecia editorial —finalmente saíu da man de Francis Boutle Publishers— desembocaron nunha das escasas versións do ensaio clásico do nacionalismo galego noutras linguas: castelán, portugués e agora inglés.

Eu (1)

“En mente, traballei cun lector inglés falante, medianamente culto, que non sabe nada da historia de España nin de Galiza”, explica Craig Patterson a Sermos Galiza. Tamén se ocupou de contextualizar e anotar un texto en que a comprensión das circunstancias concretas que relata é fundamental. “A lingua de Castelao non resulta difícil”, sinala quen se forxou na tradución da Esmorga (On a bender, 2012), “pero é unha obra con moitas referencias históricas e velaí as dificultades”.

En todo o caso, o que o preocupaba era transmitir as mensaxes. “É un libro que toca moitas fibras, e pode falar cun australiano, ou cun americano de Chicago”, di, “ten algo para moita xente. Reflexiona sobre ser un exiliado, sobre ser un refuxiado, sobre a defensa cultural. Ao cabo, é a plasmación da memoria colectiva histórica do pobo galego. Se queres saber algo de Galiza, podes comezar por aquí”. Que, ademais, ofrece “unha historia diferente de Hespaña, unha historia alternativa á visión centrípeta”.

A Patterson, doutorado en Oxford cunha tese sobre Otero Pedrayo e integrante do equipo que, en 2001, pasou ao inglés Cousas (Things), abráiano numerosos elementos de Sempre en Galiza. “Emprega termos poscoloniais”, expón, “e traza unha defensa da pluralidade das cousas que, coa que está a caer, ten moita vixencia: o trumpismo, o neofacismo...”.

Peripecia


A idea de verter ao galego a obra política emblemática de Castelao “é unha longa historia”. Que comeza en 2002 cando Patterson leu a súa tese de doutoramente e especializouse en estudos galegos. “Eu quería embarcarme nun gran proxecto, buscaba o gran peixe, o tiburón branco”, lembra divertido, “e un día, falando con amigos, que é como empezan os grandes problemas do mundo, metinme co Sempre en Galiza”.

Mais “hai que comer”. A súa vida laboral impediulle dedicarse á tarefa coa continuidade desexada. “Ate que en 2013 abandonei a docencia e rematei”. De entrada, unha editorial galesa ía encargarse da publicación. Mais un desencontro coa Fundación Castelao, recorda, e a chegada de Feixoo a San Caetano —e o conseguinte desleixo administrativo— adiárono. Até que se cruzou Clive Boutle, de Francis Boutle Publishers: “Interesouse, e hai que lle recoñecer a valentía. El ten raíces en Cornualles, o que tamén é significativo”.

Foi así que, a finais de 2016, Forever en Galicia saíu do prelo. “Agora relanzámolo coas presentacións”, di Craig Patterson, antes de concluír: “É único, non hai outro libro coma este no mundo”.

Nota: foto do tradutor Craig Patterson.



x