'CÁNDIDO E OS DEMAIS' É A OBRA GALARDOADA

Fran Pintadeira e Christian Inaraja reciben o premio Compostela de álbum ilustrado

Fran Pintadeira e Christian Inaraja reciben o premio Compostela de álbum ilustrado
Detalle da cuberta de 'Cándido e os demais'. Imaxe: cedida.
Detalle da cuberta de 'Cándido e os demais'. Imaxe: cedida.  

Cándido e os demais é un canto á personalidade singular, unha apoloxía en ton menor contra a homoxeinización social. É un álbum de fermoso e colorido debuxo naíf que, ao tempo, tamén enxalza a igualdade: “Mais Cándido comparte algo co resto das persoas. Como a todas, encántalle o verán”. Esta cuarta feira recibe a décimo primeira edición do premio Compostela para álbum ilustrado.
 


O galardón, outorgado polo Concello de Santiago e mais pola editorial Kalandraka -que se encarga da publicación da obra-, distinguíu a peza do escritor Fran Pintadera (Las Palmas de Gran Canaria, 1982) e do ilustrador Christian Inaraja (Vic, 1972). “É un libro sobre o tratamento da diferenza e a diversidade”, indica a editorial.

Kalandraka coloca Cándido e os demais nas librarías en sete linguas -as cinco peninsulares, inglés e italiano. Esta cuarta feira, 21 de novembro, ás 19.30 horas no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, será o acto de entrega do premio. Antes, de mañá, os autores ofrecerán unha conferencia sobre o seu proceso creativo ao alumnado de Bacharelato Artístico do IES do Sar.

Do xurado da XI edición do premio Compostela para álbum ilustrado fixeron parte María Dolores Casás, Xosé Cobas, Manuel Dios, Miguel Ángel Fernández-Pacheco, Arianna Papini e Manuela Rodríguez.