UNHA DAS PRIMEIRAS SINATURAS QUE APARECEU NA SECCIÓN DE OPINIÓN DE SERMOS

Francisco Carballo, nun feixe de artigos

Francisco Carballo, nun feixe de artigos
Neste mes de marzo, en Salamanca.
Neste mes de marzo, en Salamanca.  

A de Francisco Carballo é unha das primeiras sinaturas que apareceu na sección de opinión de  Sermos Galiza


SermosGaliza leva baixo a letra a esperanza dun tempo novo, dun tempo de convivencia lateral sen pirámides de cadáveres”. Así remataba o historiador e teólogo nacionalista o seu primeiro artigo publicado na sección de opinión cando o xornal comezaba a súa andaina na rede. Titulábase “Folerpas” e daquela, Francisco Carballo superara xa os 85 anos mais continuaba ilusionándose con novos proxectos que seguiran na liña do ideario que levaba mantido durante boa parte da súa vida. 

Formaba parte do Grupo Promotor de Sermos Galiza, convencido como estaba da necesidade de medios de comunicación propios para unha Galiza libre, obxectivo que ocupara grande parte do labor da súa vida. “É un pobo alegre que sabe superar as dificultades: resiste, busca, aguanta, “é quen máis ordea”. Non ten sentido os debates entre xordos e cegos. ´E hora de actuaren”, dicía pouco despois no artigo “Ollos a miraren”, un texto de calado político no que o historiador afirmaba que “somos nación e queremos gobernarnos”. 

"O futuro está nas nosas mans, a marcha liberadora pode ser longa, pero é inevitábel”, escribía no artigo “Camiño longo”. 

Carballo confiaba na vontade popular, na enerxía colectiva da que partillou a través de numerosos proxectos na intensa actividade social, político e cultural que desenvolveu durante toda a súa vida.  “Co diálogo boca a boca, cos redes de asociacións culturais, coas manifestacións, coa resistencia diaria; nunha loita crucial desesmascarizadora. O futuro está nas nosas mans, a marcha liberadora pode ser longa, pero é inevitábel”, escribía nun artigo de elocuente nome “Camiño longo”

“Camiño longo”, dicía Carballo que era preciso para “liberar” -palabra que formaba parte do seu vocabulario- un país polo que el traballara con valentía, serenidade, compromiso e entusiasmo. Francisco Carballo era o home que confiaba no país e, para iso, desenvolveu as ferramentas tanto teóricas como prácticas para construír un futuro desde nós. A súa intensa actividade militante nas distintas plataformas do nacionalismo organizado non deixan lugar a dúbida do seu compromiso na loita pola liberación do país. Que na hora da súa morte organizacións como Galiza Cultura, a MNL, o BNG ou a AELG lamenten a perda dun dos seus fronte ao silencio que se sinte noutros ámbitos evidencia, máis unha vez, a solidez da figura de Francisco Carballo, un dos máis claros e admirados referentes do nacionalismo contemporáneo. 

O home que confiaba no país

A humildade, a xenerosidade, a valentía e a entrega de Francisco Carballo fan del un exemplo de dignidade e honestidade que cobran maior valor aínda neste tempo convulso. Na súa biografía non se coñecen  tachas nin intereses particulares máis alá da confianza nun país que tiña que construír o seu propio futuro. Desas intencións vaise tecendo a súa traxectoria enteira, desde as iniciais accións políticas daquel Vigo dos anos setenta no que volve como un cura obreiro e no que será presidente da Asociación cultural de Vigo, no inicio da dinamización da cultura de base coa que se comprometerá durante toda a súa vida. 

“Francisco Carballo, presbítero, reitor do teologado dos PP Paúles en Salamanca, persoa respéctabel, vida honesta, profesor de Historia, residente en Vigo, actual presidente da Asociación Cultural de Vigo, niño de separatistas”, reza a ficha da brigada político social da policía española daquel tempo, como nos lembra o seu biógrafo Santiago Prol, autor canda Xan Carballa do libro de conversas con Carballo que publicara A Nosa Terra, proxecto do que o historiador era fundador e un dos seus principais impulsores. 

“Precisamos liberarnos dunha historia imposta e coñecer a propia historia de Galiza”, dicía 

Durante moito tempo, o nome de Francisco Carballo estivo unido ao de A Nosa Terra, xornal do que participou na fundación e no que asumiu a presidencia do Consello de Administración. Vía con claridade pouco usual no nacionalismo, a necesidade de contar con medios propios. Desde A Nosa Terra, Carballo sería tamén un dos protagonistas, canda outros investigadores, do impulso a uns estudos históricos contados desde nós mesmos. Nese ámbito, o labor de Carballo foi inxente e desde A Nosa Terra naceron coleccións editoriais e mesmo se desenvolveu -afastados da Universidade- un grupo de historiadores entre os que se atopaban Lois Obelleiro, Bieito Alonso ou Anselmo López Carreira ademais del mesmo que contribuíron non só a contar a historia desde nós mesmos senón tamén a difundila. O libro colectivo Historia de Galiza é un exemplo dese duplo obxectivo do grupo de historiadores que se creou arredor de ANT. 

Nese labor, Francisco Carballo era pioneiro e mesmo chegou a ser procesado e xulgado coa condena de seis meses de cárcere polos contidos do seu libro Historia de Galiza. O libro rematou sendo secuestrado e Carballo recibiu apoios de figuras do mundo da cultura de todo o Estado. “Precisamos liberarnos dunha historia imposta e conñecer a propia historia de Galiza”, dicía e así resumía os obxectivos do seu traballo como investigador¡  e escritor. 



x