DO 25 AO 31 DE MARZO EN COMPOSTELA

Fronteiras e música na Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego

Fronteiras e música na Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego
Fotograma de 'Tout le monde aime le bord de la mer', da galega Keina Espiñeira, que se verá na sección 'Impropias' da Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego. Foto: Museo do Pobo Galego.
Fotograma de 'Tout le monde aime le bord de la mer', da galega Keina Espiñeira, que se verá na sección 'Impropias' da Mostra de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego. Foto: Museo do Pobo Galego.  

Aínda non se sabe da sección oficial, pero a décimo cuarta edición da Mostra de Cinema Etnográfico (MICE) do Museo do Pobo Galego vén de revelar as súas mostras paralelas: as fronteiras e a relación da música coa etnografía serán protagonistas.
 


“As fronteiras físicas e simbólicas, vistas desde a perspectiva de xénero, vertebrarán a sección Impropias”, explica a organización. Coordinada polas profesoras Margarita Ledo e Marta Pérez Pereiro, este apartado acolle filmes de realizadoras “que lindan nas marxes da industria audiovisual, preto dos circuítos de videocreación e a arte”.

Cartaz 14ª MICE Museo do Pobo Galego

O mundo da fronteira entre Estados Unidos e México é abordado por Ursula Biemann en Performing The Border. Sobre as relacións de Vietnam e o seu agresor imperialista trata Surname Viet Given Name Nam, de Trinh T. Minh-Ha. A cineasta galega Keina Espiñeira pensa sobre os límites físicos e políticos entre Europa e África en Tout le monde aime le bor de la mer -obra recoñecida e premiada.

Impropias complétase con Europlex, de Ursula Biemann e Angela Sanders, Mapping Journey  #1, #2 e #3, de Bouchra Khalili, e mais Hyohakusha (camiñante sen rumbo) de Xisela Arias e Anxela Caramés.

A etnomusicoloxía é o eixe da outra sección paralela da MICE, Trazas, programada polo Cineclube de Compostela. O cinematógrafo á captura da música, ao cabo. Afro-American Work Songs in a Texas Prison, de Toshi Seeger, The End of an Old Song, de John Cohen, e Y tenemos sabor, da cubana Sara Gómez conformarán a primeira sesión.

The Wigan Casino, de Tony Palmer, explora as comunidades northern soul na Inglaterra dos 70. Sobre o fenómeno fan debrúzase Jeff Krulik e John Heyn en Heavy Metal Parking Lot; e sobre as escenas musicas do Sahel, Christopher Kirkley en I sing the Desert Electric. O rei da rumba catalá, Peret, centra Petites Planètes_volume 5_ Peret, de Vincent Moon, e o primeiro concerto dos desaparecidos Telephone Rouges -noise rock do Grove- nun piso da Coruña, rexistro[7]telephones rouges nun cuarto, de Rubén Domínguez.

Alentejo Alentejo, do brasileiro Sérgio Trefaut, pechará Trazas cun documental sobre o canto coral  alentexano e as tensións entre tradición e mundo actual.

Nota: cartaz da 14ª MICE.