ENTRE O 9 E O 11 DE NOVEMBRO

A Fundación Luís Seoane acolle o encontro de arte audiovisual Intersección

A Fundación Luís Seoane acolle o encontro de arte audiovisual Intersección
Fotograma de 'Ventanas de noche', de Ignacio Pardo. Foto: Intersección.
Fotograma de 'Ventanas de noche', de Ignacio Pardo. Foto: Intersección.  

Pezas de “absoluta vangarda”, “obras invisíbeis que nunca chegan a canles de exhibición populares”, performance ou cineasta da marxe. Eis os materiais que abeirará Intersección, o encontro internacional de arte audiovisual da Fundación Luís Seoane da Coruña.
 


Entre a sexta feira 9 e o domingo 11 de novembro, o museo acollerá 40 propostas, chegadas de Galiza, Portugal, Reino Unido, o Estado español, Escocia, Estados Unidos ou Suecia. Ademais haberá diálogos entre artistas e investigadoras, entre comisarias e críticas, entre programadoras e institucións.

Outra actividade central será a homenaxe a Ignacio Pardo, pioneiro da videorte en Galiza e nado en Lugo en 1947. “Trátase dun creador multidisciplinar que comezou a súa carreira nos anos 80. autor de videocracións como Parpadeo (1986), Antípoda (1988), ou Ojo de pez (1988), participou en citas fundamentais do mercado e a exposición das artes como a Documenta de Kassell ou Arco. A súa obra viuse no CGAC ou no Reina Sofía de Madrid.

Dúas sesións dedicads ao “prestixioso” festival de videoarte de Portugal Fuso incluirán unha restrospectiva de Ernesto de Sousa, dos primeiros do xénero no país veciño, ou de artistas portuguesas contemporáneas como Salomé Lamas, Bruno Ramos e Raquel Schefer.

O sábado 10 de novembro proxectarase a produción nacional: obras das galegas Carme Nogueira, David Catá, Ruth Montiel, Santiago Talavera, Edu Valiña, Noa Castro, Claudio Pato e Edi Fernández. O domingo, 11 de novembro, estrearase -primicia no Estado español- Park Lanes (2015), un filme de oito horas de duración sobre unha xornada laboral nunha fábrica de Virxinia en Estados Unidos dirixido por Kevin Jerome Everson.



x