A Fundación Rosalía reformará a Casa-Museo para relanzar a figura da autora

A Fundación Rosalía reformará a Casa-Museo para relanzar a figura da autora
[Imaxe Deputación da Coruña]
[Imaxe Deputación da Coruña]  

Un convenio coa Deputación da Coruña financiará o 80% da obra. A exposición será re-inaugurada con motivo do 180º cabodano do nacemento da poeta. 


Un novo proxecto museolóxico para a Casa de Rosalía en Padrón co que re-lanzar a figura, obra e pensamento da autora mais tamén do seu compañeiro, Manuel Murguía, e da familia de ambos. Eis o que visa desenvolver a Fundación Rosalía a partir da reforma da propia vivenda que será financiada pola área de Cultura da Deputación da Coruña con 33.131,74 euros, o 80% do orzamento total, e deseñada por Pepe Barro. 

O proxecto museístico botará man das novas tecnoloxías e dunha outra composición da propia casa

No concreto trátase dun proxecto que quere centrarse no discurso das personaxes "desbotando a simulación dunha vivenda e dándolle máis valor a pezas emblemáticas da colección propia ou cedida", explican. Neste senso, para alén da entrada, intervirán na cociña de maneira "mínima" mantendo a actual forma e composición. Este espazo dará acubillo á parte da obra de Rosalía que dedicada á súa literatura gastronómica popular

Doutra banda, a primeira estancia do sobrado acollerá a foto familiar tirada na Matanza e xirará arredor da familia Castro-Murguía concibida como "factoría cultural" subdividida en dous, Murguía nación e construción (con obxectos pertencentes ao primeiro presidente da RAG) e Os cinco de Manolo e Rosa, con varios cadros de Ovidio Murguía e unha ollada sobre as demais fillas do matrimonio: Alejandra, Gala, Aura e Amara.

Manuel Murguía, Ovidio Murguía e as fillas Alejandra, Gala, Aura e Amara tamén terán espazo no re-deseño 

O actual dormitorio tamén será reformado, agás a cama. Nel ollarase o pasamento, traslación e mitificación de Rosalía xunto co salón cuxo espazo se dedicará ao pensamento rosaliano como o dunha muller intelectual do seu tempo. 

Finalmente o proxecto museístico culminará cunha ollada sobre Rosalía e Murguía como os pais do país, artífices da Galiza contemporánea. 

Muller avanzada

Desde a Deputación da Coruña, a responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín puxo en valor a importancia da figura de Rosalía de Castro e da Casa-Museo da que dixo "serve non só para honrar a figura de Rosalía, o noso referente literario e cultural nacional, senón tamén para trasladar unha nova imaxe dela. Porque Rosalía era unha muller culta, pensadora, transgresora, vangardista, moderna". 

"Rosalía era unha muller culta, pensadora, transgresora, vangardista e moderna", dixo Goretti Sanmartín

Neste senso, asegurou que a reforma permitirá actualizar a súa figura, mais tamén a do propio Murguía, facendo énfase en que o pensamento rosaliano a sitúa como "pioneira" do feminismo "referente literario e símbolo do país". 

Tamén Xosé Lois García, responsábel da área de Promoción Económica e Emprego salientou a importancia da cultura como “eixo para o desenvolvemento 
turístico e económico e, neste sentido, a Casa de Rosalía é un espazo de referencia, dos máis visitados no pais e carta de presentación que queremos 
moderna e acaída aos nosos tempos", apuntou. 

Desde a Fundación Rosalía, o seu presidente, Anxo Angueira, avanzou que re-inaugurarán a Casa-Museo o vindeiro ano co gallo do 180º aniversario do nacemento da autora e no marco de toda unha serie de actividades que decorrerán arredor desta data.