'DOS DÍAS DO PORVIR' EN GALEGO

O futurismo crítico de H.G. Wells

O futurismo crítico de H.G. Wells
Foto de H. G. Wells en 1901.
Foto de H. G. Wells en 1901.  

A fortuna en galego de H. G. Wells non se detén. Hai uns meses aparecía a tradución de Kipps. Historia dunha alma simple (1905). Agora é a quenda de Dos días do porvir (1899), en versión de Alejandro Tobar. A súa ciencia ficción crítica fala ao caso, máis dun século despois, parece indicar a súa sorte editorial.
 


dos días do porvir

En Dos días do porvir, publicada por Hugin e Munin, H. G. Wells (Kent, 1866 – Londres, 1946) novela o Londres do século XXII. A ideoloxía do autor, socialista de orixe fabiana, republicano, explica en parte a súa visión tenebrosa do futuro. O capital é a medida de todas as cousas, o mercantilismo reina.

Mais os protagonista da nouvelle -136 páxinas- deitan a súa ollada no pasado. A Elizabeth e Denton fascínaos a Inglaterra vitoriana, que é o tempo en que Wells escribe a obra. Neste bater de épocas emerxe un relato a contrafío, “unha intelixente obra de anticipación”, segundo explican os paratextos editoriais.

Dos días do porvir apareceu inicialmente por entregas na revista literaria The Pall Mall Magazine. “A novela estimula o espírito crítico en temas como a masificación, a reorganización dos transportes urbanos ou unha fenda de clase cada vez máis acusada”, engaden desde Hugin e Mugin.

Os elos da abondosa obra de H. G. Wells en galego abranxen algúns dos seus máis célebres traballos, por caso A máquina do tempo (1895), A illa do doutor Moreau (1896), O home invisíbel (1897) ou A guerra dos mundos (1898), a maiores de Kipps.



x