Galaxia celebra os 60 anos de Illa Nova cun premio para menores de 35

Galaxia celebra os 60 anos de Illa Nova cun premio para menores de 35
Víctor Freixanes e Francisco Castro, ex director e actual director de Galaxia
Víctor Freixanes e Francisco Castro, ex director e actual director de Galaxia  

O 12 de xaneiro de 1957 Galaxia poñía a andar a colección Illa Nova que publicou os novos valores do momentos. E hoxe anuncian un premio para autores e autoras menores de 35 anos. 


A editorial dirixida por Francisco Castro vén de presentar as bases do Premio Illa Nova de Narrativa 2017 para autores e autoras menores de 35 anos, que se crea "coa finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria".

O 12 de xaneiro de 1957 Xaime Isla Couto, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro, Domingo García-Sabell, Francisco Fernández del Riego, entre outros, reunían aos novos valores da literatura galega en Compostela para presentarlles a colección Illa Nova. Naquela xuntanza estaban Xosé Luís Méndez Ferrín, X. L. Franco Grande ou Xosé Manuel Beiras para celebrar unha nova canle expresiva que nacía para eles.

Xohana Torres, Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán ou Carlos Casares foron algúns deses novos valores que publicaron na colección onde saíron algunhas das principais obras do que se deu en chamar “Nova Narrativa Galega”.

Con esta mesma finalidade de abrir un camiño a quen está comezando no mundo da creación literaria, nace o Premio Illa Nova de Narrativa. Sesenta anos despois Galaxia intenta recuperar o espírito de dar voz á xeración máis nova co obxectivo de estimular a creación.

Poden participar aqueles autores e autoras menores de 35 anos que teñan unha novela ou un conxunto de relatos. O premio está dotado con 3.000 euros (computado como adianto de dereitos de autor) e a obra gañadora será publicada na colección Literaria da Editorial Galaxia. Pódense enviar os orixinais ata o 31 de marzo e o fallo darase a coñecer no mes de abril nun acto de entrega que se celebrará en Vigo.