ENTREVISTAMOS TERESA BARRO

“A tradución era unha boa maneira de dignificar o galego”

“A tradución era unha boa maneira de dignificar o galego”
Teresa Barro
Teresa Barro  

A presentación do libro póstumo Poemas do carricanto (Espiral Maior), de Fernando Pérez-Barreiro (1931-2010), na súa cidade natal, trouxo Teresa Barro, a súa dona, a Ferrol. Alí, na sede do antigo Hospicio, puidemos falar devagar cunha muller admirábel que canda o seu home formou, primeiro en Londres e xa no inesperado epílogo da súa vida en Lancaster, unha dupla excepcional coa que a cultura galega está en débeda. Da súa autoría é a primeira tradución ao galego de Macbeth ou de Alicia no País das Marabillas, así como doutras obras da literatura anglosaxona e mesmo chinesa. Eis un extracto da entrevista, publicada no Sermos Galiza 285.


6Hai fitos que xa están gravados na Historia da Literatura Galega. Cando decidistes realizar ese traballo no eido da tradución?

Para nós, o pulo fundamental foi pensar no que había naquela época. Fernando traduciu Macbeth, de Shakespeare, ao galego; foi a súa primeira tradución ao galego. Os dous tiñamos daquela unha idea moi clara: que era fundamental para a lingua galega que houbese boas traducións da literatura universal porque era un momento no que o galego estaba moi precario e había que poñerlle fundamentos. Nós cremos que a tradución era unha das maneiras de conseguilo.

Que relación mantivestes con Galiza naqueles primeiros anos en Inglaterra?

Aprofundamos moito a amizade con galeguistas que xa tiñamos antes de marchar, fundamentalmente Ramón Piñeiro e Xosé Manuel Beiras.

E como se vía Galiza a través dos seus ollos?

Ben, ao falar con Piñeiro a percepción non era a mesma que ao falar con Beiras. Tiñan puntos de vista ben diferentes, sobre todo naquela altura. As primeiras veces que veu Piñeiro a Londres, nos anos 65 e 66, comentaba que había moito rebumbio, que as cousas estaban mudando moito. É certo que politicamente era un fervedoiro porque a xente xa se estaba preparando para a morte de Franco. E Beiras falaba do seu…

Mais sen moitos puntos de conexión…

Home, si, un galeguismo fundamental, pero eran distintos puntos de vista.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 285, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x